A Deputación de Lugo apoia a XXII edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite De Ribas de Sil

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A institución provincial achega 9.000 euros a través do Plan Único 2026 para unha cita que se celebrará esta fin de semana en San Clodio e reunirá máis de 25 expositores
presentacion-festa-da-cereixa-ribas-de-sil
3 Jun 2026

O municipio de Ribas de Sil celebrará esta fin de semana, os días 6 e 7 de xuño, a XXII edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, unha cita gastronómica que terá lugar na praia fluvial de San Clodio e que volve contar co apoio da Deputación de Lugo.

A presentación do evento tivo lugar no Pazo de San Marcos coa participación do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro González, e un produtor local, que deron a coñecer os detalles desta edición.

Segundo se informou, a Deputación de Lugo achega 9.000 euros a través do Plan Único 2026 para a celebración desta festa, que se enmarca na aposta pola promoción dos produtos autóctonos e a dinamización do rural.

Rivera Capón destacou que se trata dunha cita que “reflicten a riqueza agrícola da zona e a capacidade da súa xente para transformar os recursos da terra nunha oportunidade de desenvolvemento e promoción”, ao tempo que puxo en valor o papel da contorna de San Clodio como escaparate para produtores e visitantes.

Pola súa parte, o alcalde subliñou que a festa ten como obxectivos principais a posta en valor da produción local —especialmente a cereixa, xunto co viño e o aceite— e a promoción da praia fluvial como reclamo turístico da zona. Ademais, sinalou que o evento se integra na promoción dos produtos do Xeoparque Montañas do Courel baixo o lema “Os sabores das nosas rochas”.

A programación contará coa participación de máis de 25 expositores e coa posta á venda de arredor de 2.000 quilos de cereixas, 250 litros de aceite e viños procedentes de sete adegas, ademais doutros produtos como mel, licores, queixos e artesanía.

O programa comezará o sábado coa apertura dos postos de venda e exposición na contorna da praia fluvial. O domingo continuará a actividade desde a mañá, con animación musical a cargo da charanga Street Band e do grupo de gaitas Aikirindo, así como unha mostra de pintura no aula de pesca.

Ao mediodía celebrarase a ofrenda floral do Corpus no adro da igrexa e, posteriormente, terá lugar o pregón da festa, que nesta edición correrá a cargo da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez. A xornada pecharase pola tarde cunha última actuación musical da charanga Street Band.

0.11728596687317