A Deputación capta 500.000€ de fondos europeos para apoio gratuíto ás pemes
A Xunta de Goberno aprobou aceptar o investimento concedido pola entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para desenvolver o proxecto Acelera PEMES, que fortalecerá o tecido empresarial da provincia, sobre todo do rural.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres aceptar un investimento de medio millón de euros que conseguiu captar de fondos europeos para desenvolver o proxecto Acelera pemes, unha iniciativa destinada a fortalecer o tecido empresarial da provincia, sobre todo do rural. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que explicou que grazas a este investimento, a Deputación ofrecerá apoio e asesoramento gratuítos ás pequenas e medianas empresas en materia de transformación dixital.
García Porto anunciou que o pasado luns a entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, comunicou a súa decisión de conceder á Deputación de Lugo a totalidade dos fondos que lle solicitara no mes de febreiro para sacar adiante este proxecto. Unha axuda que ascende a 400.000€ e que a Deputación de Lugo complementará con outros 100.000€ para poder desenvolver este programa.
“Trátase dunha noticia moi importante, porque con este orzamento poderemos crear e ter en funcionamento durante dous anos unha oficina provincial con 7 traballadores e traballadoras para ofrecer asesoramento e soporte en materia de transformación dixital ás pequenas e medianas empresas dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes”, sinalou a Deputada, quen lembrou que son todos, menos a capital.
Asegurou Pilar García Porto que o asesoramento ás pemes “será totalmente gratuíto para as empresas, e será personalizado, é dicir, adaptarase ás características e necesidades de cada negocio para que, desta forma, lles sexa realmente útil”.
Este proxecto contempla unha oficina de asesoramento que terá unha sede física nas dependencias da Deputación; unha sede virtual e, a maiores, terá presenza en todo o territorio da provincia a través dunha rede de cinco oficinas móbiles: na Mariña, na Chaira, na zona centro, na Montaña e na Zona Sur para ofrecer unha atención próxima e eficaz.
“O obxectivo é axudar ao tecido empresarial a aproveitar os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, para que abran novas oportunidades de negocio e, incluso, para que poidan estar mellor preparadas ante situacións adversas, como foi a crise da Covid”, recalcou a voceira socialista do Goberno.
Cooperación cos concellos e co tecido produtivo
Pilar García Porto explicou que o programa se desenvolverá en 3 fases: a primeira será de difusión do proxecto, para chegar ao máximo número posible de empresas; outra para implantar a rede de aceleradoras; e unha terceira fase para xestionar o servizo.
A Deputación de Lugo, sinalou a Deputada, traballará, “como facemos sempre”, da man dos concellos e do tecido produtivo. A coordinación dependerá da área provincial de Promoción Económica e Social, integrando na iniciativa ás asociacións de empresarios, comerciantes e outras entidades que traballan para o desenvolvemento da provincia, como a USC.
García Porto destacou que co proxecto Acelera pemes “daremos continuidade a un apoio que xa estamos dando a través do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, que ten tamén o obxectivo de axudar de maneira gratuíta aos autónomos e ás pemes da provincia a mellorar o seu negocio a través da dixitalización, e que está funcionando moi ben”.