A Deputación aproba un orzamento para 2024 de 116 millóns de euros

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
As políticas sociais concentran un terzo do Orzamento para, entre outras medidas, as residencias de maiores, o financiamento do SAF dos concellos ou a teleasistencia.
presentacion orzamentos deputacion
28 Nov 2023

As políticas sociais concentran un terzo do Orzamento para, entre outras medidas, as residencias de maiores, o financiamento do SAF dos concellos ou a teleasistencia. “Un esforzo investidor enorme, co que estamos facendo o que non fai a Xunta de Galicia na provincia”, subliñou a deputada de Economía, Mayra García Bermúdez.

A Deputación de Lugo aprobou este martes no Pleno os Orzamentos do ano 2024, que, con máis de 116M€, suporán máis servizos públicos e máis dinamismo económico para a provincia, sobre todo no rural, e demostran que “é posible outro modelo de xestión e outro Goberno para Galicia, con diálogo, lealdade e recursos para os concellos”. Así o manifestou a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, no debate plenario celebrado esta mañá, durante o que subliñou que o presuposto sube un 5,32%, grazas aos fondos que o Executivo provincial conseguiu da Unión Europea.

A deputada incidiu en que son uns orzamentos “realistas e útiles”, por tres motivos principais: “aprobámolos en tempo e forma para que entren en vigor a primeiros de ano”; “servirán para achegar os servizos públicos aos veciños e veciñas, e para promover a actividade económica vinculada aos sectores estratéxicos da provincia, factores esenciais para fixar poboación no noso rural”; e “continuaremos coa política de feitos, grazas á que executamos unha media anual do 85% do gasto”.

Ademais, explicou, son uns presupostos “expansivos” porque soben os investimentos reais nun 45% e as transferencias correntes en preto dun 3%; e “profundamente sociais”, en tanto que as políticas sociais concentran un terzo do total dos fondos previstos, ata alcanzar os 38 millóns de euros, o que supón un 3% máis ca neste ano.

“Un esforzo investidor enorme, co que estamos facendo o que non fai a Xunta de Galicia na nosa provincia”, recalcou Mayra García Bermúdez, pois “incumpre o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia e non asume as competencias en servizos sociais, cargándollas á Deputación e aos concellos, sen transferirnos financiamento”.

Por iso, entre outras moitas medidas, asegurou, a institución provincial “ten que despregar e manter unha rede de residencias públicas para os nosos veciños e veciñas do rural, porque a Xunta non o fai, nin tampouco colabora”.

11 millóns para os centros de atención a maiores e 3,4 para o SAF

Así , nos Orzamentos do 2024 a Deputación dedica preto de 11 millóns de euros para os 9 centros de maiores que ten en servizo –6 deles abertos no pasado mandato-, e continuar cos proxectos comprometidos. Como xa adiantou o Presidente, José Tomé Roca, a previsión é poñer en marcha neste mandato as residencias da Pontenova e de Guitiriz.

“Avanzamos con paso firme e seguro”, abundou a deputada de Economía, “o que non fai a Xunta de Galicia, que leva case 15 anos sen abrir nin unha soa residencia pública, e tampouco prevé facelo porque a que se abrirá en Lugo é de Amancio Ortega e, en todo caso, prevén privatizala”.

A maiores, os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia –todos, menos a capital- non poderían prestar o Servizo de Axuda do Fogar (SAF) coa inmediatez que precisan, se non fora porque a Deputación soporta gran parte do financiamento, que no ano 2024 estará en torno aos 3,4 millóns. A institución mantén así mesmo a teleasistencia domiciliaria as 24 horas, “outro servizo esencial para as familias”.

O Goberno provincial renova seu “apoio ao labor fundamental do tecido social vinculado co terceiro sector” con partidas que suman 1,3 millóns, explicou García Bermúdez, que, en políticas sociais, tamén destacou a creación no antigo hospital de San Rafael, en Castro de Rei, do que será o primeiro Centro de Acollida de Protección Internacional de Galicia. Un proxecto froito da colaboración da Deputación co Goberno do Estado, que terá “un retorno económico moi importante para a provincia”, cun investimento de 12 millóns e a creación de 25 empregos directos e 45 indirectos.

A Deputación desenvolverá no 2024 o programa E Para Vivir… a Provincia de Lugo, para “afrontar o reto demográfico”, sinalou a deputada, con medidas de apoio integral ás persoas que decidan irse a vivir ao rural; axudas ao alugueiro de vivenda; e apoio para a diversificación de cultivos.

O vindeiro ano, as políticas de emprego contarán con 4 millóns de euros para favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación; educación, con preto de 3 millóns, tanto para o Centro de Formación Audiovisual da Deputación -o único público desta rama na provincia-, como para o apoio á Universidade pública; os recursos para as políticas vinculadas coa igualdade suben un 10%; Deportes chega aos 4,8 millóns; Cultura, aos 5 millóns; e Artesanía e Deseño, a 1,44.

Sobe o plan de cooperación cos concellos

O Goberno da Deputación sube o plan de cooperación cos Concellos ata os 21.750.000 euros, “o que significa transferirlles aproximadamente o 20% dos Orzamentos provinciais, seguindo criterios públicos e obxectivos, e cun respecto total á autonomía municipal”, expuxo Mayra García Bermúdez. “Afianzamos así o peso deste plan nos presupostos. Un nivel de compromiso cos concellos que non ten parangón na Xunta de Galicia -pois non conta cun Plan Único, e mantén o Fondo de Cooperación Local nun raquítico 1,1% do total do seu presuposto-; nin tampouco nas deputacións de Ourense -que se apunta a esta medida, pero queda moi por debaixo desta institución-, e de Pontevedra -que recorta os fondos en máis dun 21%-”, afirmou.

Ademais de incrementar os fondos do plan de cooperación, a Deputación de Lugo ofrece asistencia técnica a todos os municipios que así o requiren en materia xurídica, urbanística, en xestión e cobro de impostos municipais, en recursos humanos ou en formación, entre outras cuestións, co que “aforran miles de euros e gañan eficacia”, e, de cara ao 2024, como reforzo de todo ese apoio, proporcionará gratuitamente aos 52 concellos que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC equipamentos e servizos tecnolóxicos que lles permitirán avanzar na transformación dixital e mellorar así os servizos que prestan á veciñanza, grazas aos 4,5 millóns que conseguiu da Unión Europea.

Todo isto “fai que a día de hoxe a Deputación sexa unha Administración esencial para os concellos, sen a que moitos non poderían ofrecer nin os servizos máis básicos aos seus veciños, porque non contan co apoio necesario da Xunta de Galicia, que os afoga a competencias, e non transfire financiamento”, subliñou a deputada de Economía.
Máis fondos para estradas provinciais e locais

Como “un dos piares dos Orzamentos”, explicou, o investimento na mellora da mobilidade medra un 11% no ano 2024, ata alcanzar os 20 millóns de euros, tanto para obra nova, como para conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil, en estradas provinciais e municipais.

Dende o inicio do anterior mandato, destacou García Bermúdez, o Goberno da Deputación foi incrementando progresivamente as partidas para a rede viaria provincial e local, pasando dos pouco máis de 14 millóns de euros que había no 2019 aos 20 millóns do 2024, o que supón unha suba dun 42% en 5 anos. “Un investimento”, matizou a deputada, “que podería ser moito maior se a Xunta asumise as súas competencias en políticas sociais, e tamén se se fixese cargo das estradas con características claramente autonómicas. Así poderíamos liberar máis fondos para estradas”.

Incremento das partidas vinculadas cos sectores estratéxicos

O apoio aos sectores produtivos gaña peso nos Orzamentos do 2024, e increméntanse nun 7,6%, ata chegar aos 11,3 millóns, as partidas para sectores estratéxicos, como o agrogandeiro, forestal e do mar, a economía verde, o comercio, a hostalería e o turismo.

No caso do sector primario, os fondos ascenden a 3,5 millóns, dos cales 2 son para a Granxa Gayoso Castro, “un centro que sitúa á Deputación como referente en políticas públicas en apoio da gandería en Galicia”, recalcou a deputada, engadindo que as accións para poñer en valor o patrimonio natural e converter esa riqueza nunha oportunidade de desenvolvemento a través da economía verde contarán con 3,8 millóns e as iniciativas vinculadas co sector do turismo para consolidar un modelo de calidade, sostible, e desestacionalizado, que crea emprego e riqueza no rural, con 3 millóns.

Neste eido, a Deputación prevé arrancar as obras que restan do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, que “será un revulsivo para a zona e para a toda a provincia”.

Tamén potencia o programa Lugo Termal ofrecendo máis prazas que a propia Xunta; renovará o programa Coñece a túa Provincia, cun retorno económico de medio millón de euros dende o seu inicio; ou continuará coas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que este ano baterán récord cuns 60.000 viaxeiros, entre outras iniciativas.

Ameijide afirma que o PP non pode apoiar un orzamento que baixa fondos aos concellos e sector primario

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, sinalou que “o PP non pode apoiar un orzamento que baixa fondos aos concellos e a sectores motores da provincia coma o primario ou o turismo”. Así mesmo, explicou que “Tomé mentiu no Parlamento de Galicia sobre o Plan Único da Deputación de Lugo. Dixo que se ía incrementar nun millón de euros, pero o millón non aparece”. De feito, a memoria dos orzamentos que é o documento oficial que se debate no Pleno, “recolle 21,5 millóns de euros, a mesma cantidade que para este 2023”. Sobre este aspecto, Ameijide afeou a Efrén Castro que “nin sequera lera a páxina 1 da memoria dos orzamentos” e, polo tanto, “o descoñecemento do que vota. Aínda que o BNG vota a favor poñan o que lle poñan”.

O portavoz popular explicou durante o debate que “nos documentos reais de gastos dirixidos a Plan Único aparecen 11 M€”. Dende o Grupo do PP “imos ser xenerosos e contar con que incorporen o resto dos fondos ao longo do ano”, pero o certo é que “conxelan o Plan Único”. Incluso se finalmente contara cos 21,75M€, esa subida dun 1,16% é, “na práctica, unha conxelación tendo en conta a inflación”.

Ademais de conxelar o Plan Único, o popular subliñou que “o goberno da Deputación dirixe un 30% menos a cada veciño que as Deputacións galegas gobernadas polo PP”. Se temos en conta o que realmente acaba nos habitantes das provincias (atendendo ás poboacións ás que se dirixen), a Deputación da Coruña dirixe 45,08€/habitante; a de Pontevedra (que subiu un 9,5% o Plan Único) dirixe 84,89 €/habitante; a de Ourense 84,78 €/habitante (no seu primeiro ano de implantación) e a de Lugo, 65€/habitante... “unha cifra realmente mellorable”.

En materia de cooperación, “a realidade dos Concellos é, segundo os números do goberno provincial, que lles quitan un 12% en transferencias correntes e transferencias de capital: 2,9M€”. Ameijide considera que “en lugar de destinar cartos aos Concellos, pretenden destinalos ás carreiras políticas do PSOE como, por exemplo, o candidato á Xunta e negociador do pactos con vascos e cataláns que deixa facturas aos galegos”.

“Son uns orzamentos que carecen de consenso (porque Tomé non tivo a consideración de sentarse a falar de propostas e proxectos para a provincia co grupo maioritario da corporación provincial, como tampouco se senta a falar con alcaldes da maioría da provincia) e que demostran que é un goberno sen ilusión, sen ideas e o que é máis preocupante, sen proxecto”, manifestou. Así mesmo, sinalou Ameijide que “chegan tarde, mal e arrastro porque tiñan que presentarse ante o Pleno antes do 15 de outubro; pero parece que o bigoberno tivo que limar asperezas”.

RESIDENCIAS

“Por moito que presuman non son uns orzamentos sociais. Non se vai abrir ningún centro de maiores máis porque non hai cartos para abrir máis centros. Nin sequera van abrir a residencia de Becerreá na que gastaron arredor de 4M€ de todos os veciños da provincia e que agora din que non é o seu modelo e non apostan por ela”, expuxo o popular.

Ameijide continuou dicindo que “tampouco apostan pola mobilidade. Retiran fondos ao mantemento de vías e, sobre todo, o investimento en novas vías. Herdaron a mellor rede de estradas de todas as Deputacións de España e non son capaces de mantela”.

O popular explicou que aumentan os gastos correntes porque “seguen privatizando absolutamente todo o que poden”, reducen apoio a sectores motor da provincia como a agricultura, gandería e pesca que contarán con 400.000 euros menos e conxelan ou baixan a información ou promoción turística”. Tamén “baixan as achegas a familias e institucións sen fins de lucro porque suben un 1,73%; pero cunha inflación que tivemos ao longo do ano dun 8% nalgún momento, na práctica, é unha baixada”.

En relación aos ingresos, Ameijide sinalou que “o goberno provincial prevé diminuír a recadación por licencias urbanísticas, IVA, etc.”. Son, polo tanto, “malas novas” porque “iso indica que non vai demasiado ben o futuro da provincia”.

E, falando de investimentos, o portavoz popular remarcou que “o goberno provincial non é capaz de executar nin a metade do orzamento do 2023” porque a súa propia previsión para o 31 de decembro é unha execución do 41% e o 52% con respecto aos capítulos 6 e 7, a metade do que dicían que ían executar no 2023”.

O Grupo Provincial Popular votou en contra destes orzamentos porque “non nos escoitaron, nin responderon á nosa petición de reunión. Non apoian o sector primario, nin o turístico, nin as estradas. Non cooperan cos Concellos, non suben o Plan Único un 30% como lles pedíamos. Non son o motor da provincia. Estes orzamentos conxelan o investimento da Deputación; pero, o que máis nos preocupa, é que conxelan o futuro da provincia de Lugo”, concluíu o portavoz.

APOIO A AVOGADOS E CAMPUS TERRA

O Grupo Provincial Popular amosou a súa satisfacción por sacar adiante por unanimidade unha reivindicación en beneficio do colectivo de avogados e procuradores que é de xustiza. Concretamente, coa proposta dos populares aprobouse instar ao Goberno do Estado España a promover modificacións normativas para permitir recuperar as achegas de avogados e procuradores ás mutualidades privadas con destino ao RETA.

Así mesmo, Ameijide subliñou o apoio do Grupo Provincial Popular a “garantir a pervivencia dos títulos, atraer novas titulacións competitivas e que sigan traendo xente ao Campus de Lugo. E seguiremos demandando que se garanta o futuro do Campus Terra con investimentos continuos” porque “o Partido Popular sempre estivo, está e estará a favor de calquera iniciativa que supoña defender a universidade en Lugo”.

FEVE

Os populares lamentan que “PSOE e BNG se neguen a instar ao Goberno de España a impulsar a liña de ancho métrico entre Ribadeo e Ferrol”. Socialistas e nacionalistas rexeitaron “pedir para Galicia as mesmas medidas compensatorias que o Goberno anunciou para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens; aprobar en tres meses un Plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario e acompañar a necesaria modernización do material rodante na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo co incremento de frecuencias que permitan atender adecuadamente a demanda de mobilidade dos usuarios”.

0.14607787132263