A Deputación aproba a cesión dunha parcela ao Concello de Pantón para facilitar o acceso ao pantalán de Maiorga

RibeiraSacraXa
O terreo, de 21.000 metros cadrados, permitirá facilitar o acceso a este espazo para executar o proxecto de mellora que tramita o Concello
pantalan-de-maiorga-panton
29 Sep 2026

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a cesión ao Concello de Pantón dunha parcela de 21.000 metros cadrados situada na contorna do pantalán municipal de Maiorga.

A cesión responde a unha demanda formulada polo alcalde de Pantón e permitirá facilitar o acceso ao pantalán para avanzar na súa mellora. O Concello está a tramitar un proxecto para actuar neste espazo coa colaboración da Confederación Hidrográfica.

Durante o Pleno, a presidenta da Deputación, Carmela López, defendeu que este tipo de decisións responden ao interese público e reafirmou o compromiso do Goberno provincial de atender as necesidades trasladadas polos concellos.

López sinalou que a Deputación mantén a disposición de colaborar cos 67 municipios con independencia da súa cor política. Neste sentido, referiuse ao traballo desenvolvido desde Cooperación e Asistencia aos Concellos en ámbitos como a asistencia técnica, xurídica e económica, a contratación, Secretaría e Intervención, a supervisión de proxectos, urbanismo, expropiacións, estradas, Parque Móbil, cesións de bens ou convenios.

“Se unha medida é boa para a xente, a min impórtame pouco quen a presente”, afirmou a presidenta, tras enumerar diferentes concellos que recibiron apoio da Deputación nos últimos meses.

0.1134397983551