A Deputación aposta por unha xestión sostible da Ribeira Sacra ante a súa candidatura a Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa
García Porto destacou que o crecente interese que esperta a Ribeira Sacra constitúe “un reto positivo” para o territorio e lembrou que o veredicto da UNESCO se coñecerá o próximo mes de xullo
garcia-porto-coloquio-portomarin
5 Jun 2026

A Deputación de Lugo apelou á necesidade de garantir un desenvolvemento sostible na Ribeira Sacra no contexto da candidatura da comarca a Patrimonio Mundial da UNESCO, cuxo veredicto se coñecerá o próximo mes de xullo. Así se puxo de manifesto nun coloquio celebrado en Portomarín, onde se analizaron os retos e oportunidades que afronta o territorio nun momento clave para o seu futuro.

No encontro participou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen destacou o crecente interese pola zona e sinalou que este feito supón “un reto positivo” para a comarca. Ao mesmo tempo, subliñou que a Ribeira Sacra xa é un territorio con amplo recoñecemento dentro e fóra de Galicia, froito dun traballo continuado de diferentes axentes públicos e privados.

García Porto lembrou o compromiso histórico da Deputación coa candidatura, facendo referencia ás primeiras accións de apoio impulsadas no ano 2013. Neste sentido, afirmou que “a candidatura nunca pertenceu a unha administración concreta. Sempre foi un proxecto colectivo construído entre todos”.

Durante a súa intervención, a deputada puxo tamén en valor o papel do turismo fluvial, especialmente as rutas en catamarán polos canóns do Sil e do Miño, que superan os 60.000 visitantes por tempada e se consolidaron como un dos principais atractivos da provincia.

A responsable provincial incidiu en que unha posible declaración como Patrimonio Mundial debe implicar tanto recoñecemento como responsabilidade. Por iso, avogou por un modelo de crecemento equilibrado que permita compatibilizar o turismo coa protección da paisaxe e a identidade da comarca. “O reto é garantir que o turismo repercuta na economía local e que a Ribeira Sacra manteña a súa autenticidade e a súa capacidade para xerar oportunidades”, sinalou.

Ademais, García Porto puxo o foco nas persoas que sosteñen o territorio, especialmente viticultores, emprendedores e familias, e concluíu que “o verdadeiro éxito non será conseguir a declaración da UNESCO, senón demostrar que sabemos xestionala e que no futuro a Ribeira Sacra segue conservando a súa esencia e xerando oportunidades”.

O coloquio celebrouse no marco da exposición O río que nos move, unha iniciativa que recupera a histórica travesía en canoa polo río Miño realizada en 1985 e que pode visitarse en Portomarín ata o 14 de agosto no Pazo Xeral Paredes, antes de continuar o seu percorrido por outras provincias galegas.

0.11638617515564