A Deputación apoia a terceira edición do programa ‘Descubrir Quiroga’ para potenciar o turismo na Ribeira Sacra

O Concello de Quiroga impulsa por terceiro ano e co apoio da Deputación de Lugo o programa Descubrir Quiroga, que nesta edición incluirá unha vintena de actividades diferentes que poñen en valor o patrimonio natural, cultural e etnográfico do municipio.
Durante o acto de presentación, que tivo lugar na Casa da Cultura da localidade, participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o alcalde, José Luis Rivera Castro, o Tenente de alcalde, Vicente Parra, e unha técnica de turismo que deu conta das diferentes actividades.
A García Porto resaltou o valor do concello como un “territorio privilexiado no corazón da Ribeira Sacra e da xeografía única do Xeoparque Montañas do Courel, dous espazos que converten esta zona nun referente para quen busca experiencias ligadas á natureza, ao patrimonio, á gastronomía ou a identidade”. A representante provincial salientou o compromiso da institución provincial na aposta polo futuro turístico a través dun modelo sostible, de experiencias, vencellado ao territorio, capaz de xerar oportunidades económicas sen perder a esencia.
A programación comezará este sábado cunha etapa polo Camiño de Inverno e, ata outubro, haberá todos os meses diferentes actividades que inclúen rutas de sendeirismo, visitas aos museos da contorna, barranquismo, parapente, piragüismo, un paseo nocturno guiado, observación astronómica ou unha visita interpretada a Montefurado.