A Deputación de Ourense amplía un mes o prazo para xustificar as axudas a concellos para vivenda en alugueiro

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O novo prazo esténdese ata o 30 de novembro de 2026. A sesión tamén aprobou expedientes de subvencións a concellos e entidades, ademais de modificacións do CooperOU solicitadas por varios municipios
Deputación Ourense Luis Menor
13 Oct 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense tratou este luns 21 asuntos de carácter administrativo, entre os que destaca a modificación do prazo de xustificación das subvencións dirixidas aos concellos para a adquisición, rehabilitación ou mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial.

O cambio nas bases da convocatoria supón alongar un mes o período para xustificar estas axudas, que inicialmente remataba o 31 de outubro e que agora se estende ata o 30 de novembro de 2026.

Esta liña de subvencións fora resolta pola Xunta de Goberno o pasado 5 de outubro. A modificación acordada afecta unicamente ao prazo de xustificación, mentres que o resto das condicións recollidas nas bases se manteñen sen cambios. Así mesmo, contémplase a posibilidade de solicitar unha prórroga adicional en caso de forza maior debidamente acreditada, conforme ao establecido na propia convocatoria. O acordo publicarase no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da institución provincial.

Expedientes de subvencións por case 830.000 euros

Durante a sesión aprobáronse ademais 16 expedientes de subvencións que suman un importe conxunto de 829.914,05 euros.

Dese total, 11 expedientes corresponden a concellos, cunha contía global de 582.526,19 euros, destinados a actuacións en San Cristovo de Cea, Carballeda de Valdeorras, Os Blancos, Lobios, A Peroxa, Rubiá, San Xoán de Río, A Mezquita, Bande e Larouco.

Os cinco expedientes restantes, por un importe conxunto de 247.387,86 euros, van dirixidos á Universidade de Vigo, ao Club de Fútbol Monterrei, á Asociación Os Rebordiegos, á Asociación Coordinadora da Festa da Istoria de Ribadavia e ao Club Náutico Ribeiro.

Unha subvención para investigar o aproveitamento de augas termais

Entre estas axudas inclúese unha subvención nominativa de 150.000 euros á Universidade de Vigo para financiar o proxecto de investigación 'HUB TERMAL: Planta Piloto', que se desenvolve desde a Facultade de Ciencias do Campus Auga de Ourense.

O proxecto persegue analizar un sistema de aproveitamento enerxético pensado para instalacións balnearias que contan con augas termais de baixa temperatura. A investigación busca xerar datos técnicos sobre a viabilidade e o funcionamento deste tipo de sistemas, así como definir criterios que faciliten a súa futura aplicación en establecementos balnearios.

Esta subvención xa fora incluída no orzamento provincial a través dun acordo plenario adoptado o 23 de xullo.

Cambios no CooperOU 2026

A orde do día completouse con tres expedientes de modificación do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais, CooperOU 2026, que afectan a actuacións nos concellos de Esgos, Maceda e A Rúa.

0.16635799407959