A Deputación adxudica por preto de 650.000€ obras en catro estradas clave da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Trátase do inicio da LU-P-1701, que conecta Feira do Monte e Muimenta; o arranxo da LU-P-2901, que une Lugo e Palas de Rei; a rehabilitación da LU-P-4201 entre Paradela e O Saviñao; e o acondicionamento dun treito do cinto comarcal en Castro de Rei
pilar-garcia-deputada
Presentación programa cultural
5 Xul 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación de obras por preto de 650.000 euros para a mellora de catro estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Cospeito, Guntín, Friol, Palas de Rei, Paradela, O Saviñao e Castro de Rei. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada no Pazo de San Marcos.

“Continuamos facendo un gran esforzo investidor para manter e mellorar a rede viaria provincial. Sempre dicimos que, con 4.217 quilómetros de lonxitude, temos a rede viaria provincial máis extensa de todas as Deputacións en España e tres veces maior ca da propia Xunta de Galicia en Lugo. Unha Xunta de Galicia que ten un Orzamento 115 veces superior ao que temos na Deputación de Lugo”, valorou García Porto, quen especificou que o Goberno autonómico conta con 13.257 millóns de euros fronte aos 116 millóns do provincial.

Informou sobre as actuacións adxudicadas para as diferentes estradas durante a sesión semanal, detallando que en Cospeito, a Deputación adxudica á empresa Cholo SL por 242.326,71 eurosa rehabilitación dos seis primeiros quilómetros da LU-P-1701 que comunica Feira do Monte con Muimenta.

Un proxecto que consistirá na limpeza das marxes, drenaxe, estendido de aglomerado en quente e o pintado da vía. A empresa inclúe, entre as melloras, un aumento do prazo de garantía en 3 anos e reducir o prazo de execución dos traballos en mes e medio.

Ovisa Pavimentos e Obras SLU resultou adxudicataria, por 196.988 euros, da rehabilitación dun novo tramo, de tres quilómetros, da estrada provincial que une Lugo (polo Burgo) e Palas de Rei, a LU-P-2901. O proxecto afecta ao treito que vai desde o quilómetro 18,445 ao 21,370, ao seu paso polos concellos de Guntín, Friol e Palas e consiste na reapertura de cunetas, tarefas de limpeza e drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e a sinalización vertical.

O prazo de execución é de dous meses unha vez iniciadas as obras. A empresa inclúe entre as melloras 40 metros de cuneta revestida e o aumento do prazo de garantía en tres anos.

García Porto explicou que con esta nova actuación, a LU-P-2901 quedará “practicamente renovada na súa totalidade porque estes traballos dan continuidade ás melloras xa acometidas polo Goberno provincial, cun investimento de máis de un millón de euros”. E lembrou que nesta estrada a Deputación actuou recentemente entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400; entre os puntos 5,500 e 13,100; e entre os quilómetros 21,370 e o 25,000.

O terceiro proxecto que ten que ver coas estradas provinciais que adxudicou este venres a Xunta de Goberno é para mellorar a estrada provincial LU-P-4201, que dá servizo ós concellos de Paradela e O Saviñao. Concretamente, as obras afectan ó tramo que vai do quilómetro 8 ao 11,850 e a adxudicataria é a empresa Ogalia Contratas SL por 131.164 euros.

Os traballos consistirán no acondicionamento do firme, a reapertura de cunetas, e repavimentación de zonas degradadas. Ademais, a empresa inclúe melloras como o aumento do prazo de garantía en 3 anos e a redución dos tempos de execución en mes e medio, unha vez iniciadas as obras.

A Voceira socialista recordou que no mandato pasado, a Deputación xa investiu medio millón de euros para a mellora e renovación do pavimento de 12 quilómetros de estradas que unen Paradela e Currelos, no Saviñao. Esta mesma, a LU-P-4201 (en tres tramos); a LU-P-4205; e a LU-P-5818.

Adxudicados tamén os traballos de rehabilitación dun tramo de preto dun quilómetro do cinto comarcal, a LU-P-1611, á altura de Castro de Rei. En concreto, as obras afectarán ao treito que vai desde o punto quilométrico 93,665 e ata o 94,395. A empresa adxudicataria é Cholo SL e o orzamento é de 72.263,58€. As obras consistirán na mellora da drenaxe, fresado da vía, estendido do aglomerado en quente e reposición da sinalización. Neste caso a empresa tamén inclúe aumento do prazo de garantía en tres anos e a redución dos tempos de execución a mes e medio.

Pilar García Porto lembrou que nesta estrada, “fundamental para as comunicacións da provincia”, a Deputación vén de acometer obras de mellora por máis de 700.000€ noutro tramo ao seu paso por Friol, Outeiro de Rei e Begonte; acondicionando desde o punto quilométrico 49 ao 57. “Sempre reivindicamos que esta estrada ten características para ser de titularidade autonómica, polos concellos que conecta cos seus máis de 131 quilómetros de trazado”, valorou.

0.18726801872253