A Comunidade de Montes Faro de Requeixo reforza a sensibilización para protexer o Monte Faro

A Comunidade de Montes Faro de Requeixo vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación para fomentar o respecto e a conservación do Monte Faro, un dos espazos naturais máis emblemáticos da comarca. A iniciativa materializouse coa instalación de varios carteis informativos na contorna da Capela do Faro, destinados a sensibilizar ás persoas visitantes sobre a necesidade de preservar este enclave de elevado valor ambiental e paisaxístico.
A medida chega despois dos importantes danos sufridos na zona durante as nevadas do pasado inverno. Segundo explica a Comunidade de Montes, a circulación de vehículos sobre a neve e as manobras realizadas nas inmediacións da capela provocaron un notable deterioro do terreo, deixando áreas especialmente afectadas.
Coa chegada do bo tempo, o aumento de visitantes, a crecente actividade vinculada ao recoñecemento do Monte Faro como destino Starlight e o inicio das celebracións relixiosas na capela, os responsables da comunidade consideran necesario intensificar as accións de información e concienciación para garantir a protección do espazo.
Os carteis instalados teñen carácter provisional e permanecerán no lugar ata que se completen os trámites necesarios para a colocación dunha sinalización permanente, unha actuación que requirirá as autorizacións dos organismos competentes.
Desde a Comunidade de Montes lembran que o Monte Faro de Requeixo forma parte dun espazo natural protexido, integrado na Rede Natura 2000 e noutras figuras de protección ambiental. Ademais, aínda que se trata dunha propiedade privada pertencente á comunidade de montes, permanece aberta ao uso e desfrute da cidadanía.
A entidade fai fincapé en que a conservación deste entorno é unha responsabilidade compartida entre a propiedade e todas as persoas que o visitan. Neste sentido, lembra que está prohibida a circulación e o estacionamento de vehículos arredor da capela e solicita que se empreguen as zonas habilitadas para aparcar, ademais de cumprir as normas básicas de protección ambiental.
A Comunidade de Montes Faro de Requeixo agradece a colaboración da veciñanza e das persoas visitantes e subliña que o obxectivo destas actuacións é garantir que as futuras xeracións poidan seguir gozando dun dos espazos naturais e paisaxísticos máis singulares da comarca en óptimas condicións de conservación.