A compañía Teatreiras leva o seu espectáculo ‘Os Outros’ á Casa da Cultura de Monforte

RibeiraSacraXa
A función terá lugar este sábado, 30 de novembro, dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo
'Os Outros', Teatreiras
'Os Outros', Teatreiras
27 Nov 2024

O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este sábado 30 de novembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro unha nova obra de teatro, neste caso dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, correspondente ao segundo trimestre deste ano 2024.

Así, terá lugar a coa posta en escena da obra para todos os públicos Os Outros, da asociación cultural Teatreiras-Monforte, unha peza montada, coordinada e dirixida por Francisca Abeledo. É unha obra para todos os públicos, con entrada libre e gratuíta.

Sinopse

Unha casa moi antiga, habitada por varias pantasmas, que en vida tamén a habitaban (ou pasaban por alí cando lles chegou o final), acollerá novos habitantes, que por cousas do azar acaban de herdar tremendo casoplón. As novas inquilinas comezan a facer plans de convertela nun hotel, pero os intereses de cada un dos personaxes, dun lado e doutro, acabarán chocando e provocando unha chea de líos que só poderán ter un final: chegar a entendemento e convivir en harmonía.

A compañía

Teatreiras ten asa súas orixes nas actividades de tempo libre para maiores, que se desenvolvían desde Servizos Sociais do Concello de Monforte. Como os obradoiros de teatro tiñan moito éxito, no 2020 constituíuse a Asociación de Teatro Monfortino, que sos anos derivaría en dous grupos de teatro, un deles Teatreiras, que desde os seus inicios ven sendo dirixido por Francisca Abeledo e polo que pasaron deceas de persoas de todas as idades.

Cada ano preparan obra nova e ademais participan en representacións escolares, recitais poéticos, fan teatro de monicreques, contacontos e en xeral colaboran de forma moi activa na vida cultural de Monforte e arredores, sendo a súa principal sinal de identidade a interxeracionalidade.

Próximos espectáculos

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, dirixida a público infantil e familiar, será Nanai da China de Pérez&Fernández, que terá lugar o domingo 1 de decembro no auditorio do Edificio Multiusos, ás 18.00 horas, sendo a entrada xeral de 5 euros e para estudantes, empregados e xubilados, de 3 euros.

0.14867997169495