A choiva non frea a máis de 70 rapaces no Cross Escolar do Circuíto das Lamas en Monforte

RibeiraSacraXa
A proba, disputada nunha xornada marcada polo mal tempo, serviu de clasificación para o Campionato Provincial de Campo a Través, que se celebrará o 13 de decembro en Ribadeo
Cross Escolar do Circuíto das Lamas en Monforte
16 Nov 2026

O Circuíto das Lamas de Monforte de Lemos acolleu o pasado domingo unha nova edición do Cross Escolar, unha cita que xuntou a máis de 70 nenos e nenas malia a choiva constante que acompañou toda a xornada. Nin a lama nin a auga acumulada no percorrido conseguiron desanimar aos mozos corredores, que afrontaron a proba coa mesma ilusión de sempre.

Á convocatoria acudiron participantes de distintos puntos da comarca, en concreto de Monforte de Lemos, Quiroga, Sober, Chantada, Taboada e Guntín. O percorrido, xa de por si esixente, viuse complicado polas condicións do terreo, encharcado e esvaradío, o que engadiu unha dificultade extra ás carreiras.

Máis alá do aspecto lúdico e participativo, a proba tiña tamén unha dimensión competitiva relevante: os primeiros clasificados de cada categoría lograron o seu billete para o Campionato Provincial de Campo a Través, cita que terá lugar o vindeiro 13 de decembro en Ribadeo.

A organización correu a cargo do Club de Atletismo A Gándara, entidade que se mostrou moi satisfeita co desenvolvemento da xornada. Desde a súa directiva destacaron o comportamento dos rapaces, subliñando que “é un orgullo ver a estes máis de 70 rapaces e rapazas gozar do atletismo con tanta ilusión, sen importarlles a choiva”. Así mesmo, quixeron ter un recoñecemento para as familias que acompañaron aos participantes animando desde as inmediacións do circuíto, así como para todas as entidades que colaboran no sostemento do deporte base na zona.

0.13113784790039