A CHMS pon en marcha traballos de conservación no río da Ponte de Enviande ao seu paso por Chantada

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) puxo en marcha unha intervención de conservación no río da Ponte de Enviande, no municipio de Chantada, co obxectivo de mellorar o estado do leito e reducir posibles incidencias en episodios de aumento de caudal.
A actuación afecta a un tramo de máis de 1,3 quilómetros e conta cun orzamento estimado de 32.000 euros, financiado en parte a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que cobre o 60% do investimento dentro do programa operativo 2021-2027.
Segundo sinala o organismo responsable, os traballos teñen un carácter “puntual e selectivo” e buscan “mellorar a capacidade hidráulica do cauce e a composición da vexetación de ribeira”.
As tarefas previstas inclúen a retirada de árbores caídas, ramas e restos vexetais acumulados que dificultaban o paso da auga, así como a eliminación de exemplares secos ou en mal estado presentes no tramo de actuación. Tamén se contempla a súa tala, troceado e retirada.
Desde a CHMS indícase que a maquinaria mecánica se empregará unicamente en zonas exteriores ao cauce, evitando a súa intervención directa no río. Ademais, no caso dos amieiros, aplicaranse medidas específicas para previr a expansión de Phytophthora alni, unha enfermidade que afecta a esta especie.
A actuación enmárcase nas liñas de traballo vinculadas á adaptación ao cambio climático e á prevención de riscos naturais, con especial atención á mellora da resiliencia dos ecosistemas fluviais.