A CHMS destina 715.000 euros a reforzar a marxe do río Cabe en Monforte

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, supervisou o resultado das obras executadas no río Cabe, no tramo comprendido entre o Club Fluvial e Ribas Altas, na zona de Vilanova-Sambade, en Monforte de Lemos. A intervención contou cun investimento de 715.000 euros.
Os traballos tiveron como finalidade reparar os danos ocasionados polos temporais rexistrados entre finais de 2025 e principios de 2026 e foron declarados de emerxencia polo Consello de Ministros ante os efectos das borrascas en diferentes puntos de Galicia.
A actuación centrouse na protección de 210 metros lineais da marxe dereita do río mediante unha escollera, rematada na súa parte superior con técnicas de bioenxeñaría. A estrutura presenta unha altura variable de entre 2,5 e 7 metros.
Para executar a intervención empregáronse 5.022 metros cúbicos de escollera e 307 metros cadrados de entramado de muro tipo Krainer destinado á bioenxeñaría. Ademais, completouse a actuación coa plantación de árbores e outras especies vexetais para favorecer a integración da obra na contorna e a recuperación da vexetación.
Quiroga destacou que se tratou dunha actuación destinada a reparar os danos provocados polos temporais na zona de Vilanova-Sambade. Segundo explicou, as obras permitiron actuar sobre un dos tramos afectados entre o Club Fluvial e Ribas Altas.
A intervención tamén permitiu recuperar a servidume de paso e reforzar as marxes do río co obxectivo de reducir o risco para as persoas e os bens ante posibles novos episodios de temporais.