A CHMS avanza no desenvolvemento do Plan de Ordenación da Navegación e do Atraque na Ribeira Sacra

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O organismo mantivo unha primeira reunión de traballo cos alcaldes de Carballedo, Chantada, Ferreira de Pantón e O Saviñao para avanzar no PONARS e definir actuacións nos municipios implicados
chms-reunion-fears
11 Jun 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) mantivo un encontro cos alcaldes de Carballedo, Chantada, Ferreira de Pantón e O Saviñao para avanzar na implantación do Plan de Ordenación da Navegación e do Atraque na Ribeira Sacra (PONARS).

O presidente do organismo, José Antonio Quiroga, explicou que a reunión tivo como obxectivo compartir as actuacións previstas en cada municipio e recoller as achegas dos rexedores.

Durante o encontro, os alcaldes expuxeron as características e necesidades dos seus respectivos territorios, mentres que a CHMS presentou as liñas de actuación previstas para colaborar na execución do plan.

O proxecto preséntase coa idea de contar cun pantalán público en cada municipio, a partir de convenios de colaboración que permitan executar as obras necesarias, como a recuperación, ampliación ou construción de pantaláns e zonas de acceso, que posteriormente serían entregadas aos concellos para a súa xestión.

O presidente cualificou a reunión como “moi produtiva” e destacou a importancia do coñecemento do territorio achegado polos alcaldes, así como a necesidade dunha visión conxunta para o desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra, tendo en conta a presión sobre o espazo fluvial e a protección ambiental.

0.14167213439941