A CHMS avanza na súa aposta polo futuro do regadío do Val de Lemos

RibeiraSacraXa
“Recordemos que estamos nunha zona do noroeste de España onde hai clima, terra e auga, que ofrecen posibilidades”, explican
val-lemos
Val de Lemos
21 Nov 2024

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, avanza na súa aposta polo futuro do Regadío do Val de Lemos.

Neste sentido, Quiroga convocou un encontro coa directora de Agader, Paz Rodríguez Rivera, no que tamén estiveron presentes técnicos de ambos organismos e o director do “Plan integral de aproveitamento agronómico do regadío no Val de Lemos (Monforte de Lemos- Lugo)”, catedrático da USC, Manuel Marey.

Ademais de explicar o contido e os pormenores do estudo, executado pola CHMS, que reflicte claramente a falta de actividade agraria e a necesidade dunha reestruturación da propiedade que sosteña a rentabilidade do regadío; no citado encontro constituíuse un Grupo de Traballo técnico que avanzará nos detalles do estudo, e convocouse unha nova reunión no mes de xaneiro, na que se dará conta dos avances mencionados.

“Recordemos que estamos nunha zona do noroeste de España onde hai clima, terra e auga, que ofrecen posibilidades, e, por iso, agradecemos a disposición da Xunta de Galicia para ‘colaborar’ nun tema da súa competencia, esquecido durante décadas, e no que hai que avanzar”, concluíu Quiroga.

0.14258098602295