A Casa da Memoria de Bóveda propón unha viaxe pola música galega con Francisco Castro e Valerio Araujo

A Casa da Memoria recibirá o vindeiro sábado 17 de outubro ás 20:00 horas a Francisco Castro e Valerio Araujo para ofrecer o concerto ‘Éxitos da música galega’, unha proposta que combina música e lembranzas a través dalgunhas das cancións máis recoñecibles do repertorio galego.
Francisco Castro, escritor, editor e músico, estará acompañado polo percusionista Valerio Araujo nunha actuación que percorrerá temas como ‘Quen puidera namorala’, ‘Lela’, ‘Negra sombra’ e ‘O tren’. Son cancións que forman parte da memoria musical de distintas xeracións e que servirán como punto de encontro para cantar, emocionarse e compartir experiencias.
A memoria tamén ocupa un lugar destacado na traxectoria literaria de Castro. Hai case vinte anos publicou ‘Chamádeme Simbad’, unha obra pioneira na literatura galega infantil polo seu achegamento á realidade do alzhéimer, inspirada na experiencia da súa propia familia.
Agora, o autor propón regresar a esa memoria colectiva a través da música, cun concerto aberto ao público xeral e pensado tamén como unha oportunidade para compartir a experiencia entre persoas de distintas xeracións.