A Casa da Cultura de Quiroga acollerá este xoves un espectáculo infantil polo Día do Libro

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá este xoves, 23 de abril, unha actividade especial para conmemorar o Día do Libro, cun espectáculo dirixido ao público infantil.
Baixo o título “Viaxa cos Libros”, a proposta escénica chega da man da compañía Expresión Produccións e aposta por fomentar o gusto pola lectura a través dunha combinación de disciplinas artísticas. O libro convértese así no eixo central dun espectáculo que mestura teatro, contacontos, monicreques, música e maxia, cun formato participativo pensado para captar a atención dos máis pequenos.
A actividade está incluída no programa Ler conta moito, impulsado pola Rede de Bibliotecas de Galicia, e conta coa organización do Concello de Quiroga en colaboración co CEIP da localidade.
A función desenvolverase ás 11:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura, nunha xornada que busca achegar a lectura ao público infantil dun xeito lúdico e dinámico coincidindo coa celebración do Día do Libro.