A Casa da Cultura de Chantada acolle até o 15 de outubro un curso de introdución á lingua e cultura galegas

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o próximo 15 de outubro un curso de introdución á lingua e á cultura galegas, organizado pola Secretaría Xeral da Lingua coa colaboración do Concello de Chantada, como integrante da Rede de Dinamización Lingüística.
A formación permite ás persoas participantes adquirir nocións básicas de lingua galega, tanto no relativo ao vocabulario como á expresión oral e escrita. O programa inclúe tamén contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia, con aspectos como as festas, as tradicións, a gastronomía, a música ou a historia.
Ademais, o curso achega recursos prácticos para facilitar a comunicación no día a día e desenvolver as competencias lingüísticas necesarias para desenvolverse en diferentes situacións cotiás.
A iniciativa ten entre os seus obxectivos favorecer a integración e a inclusión sociocultural das persoas participantes. A organización salienta a importancia de coñecer a lingua do territorio de acollida como ferramenta para facilitar a integración, así como a oportunidade que supón a chegada de persoas procedentes de fóra de Galicia para incrementar o número de falantes de galego.