A carreira Entre Pazos e Carballos reunirá este sábado en Taboada a preto de 300 participantes

RibeiraSacraXa
A proba, organizada pola Asociación Cultural O Carballo, celebrará a súa décimo terceira edición con carreiras de 10 e 5 quilómetros e categorías escolares
carreira_popular_taboada
24 Sep 2026

Taboada acollerá este sábado, 26 de setembro, unha nova edición da carreira popular Entre Pazos e Carballos, que este ano chega á súa décimo terceira edición. As inscricións pecháronse este martes con 292 persoas anotadas nas diferentes categorías.

A proba está organizada pola Asociación Cultural O Carballo e forma parte do XII Circuíto Miño-Ulla de Carreiras Populares. A xornada conta tamén coa colaboración, entre outras entidades, da área de Cultura e Deporte do Concello de Taboada.

O programa deportivo comezará ás 18.00 horas coa saída das probas para as categorías absolutas, que incluirán un percorrido de 10.000 metros e outro de 5.000 metros. Ás 19.30 horas será a quenda das categorías escolares, con distancias comprendidas entre os 100 e os 1.500 metros.

Con motivo da celebración da carreira, algunhas rúas e accesos do núcleo urbano de Taboada permanecerán pechados ao tráfico durante a tarde, entre as 17.00 e as 20.30 horas.

As restricións afectarán á Avenida de Lugo, desde o San Roque ata o cruce coa rúa do Carballo; aos accesos pola estrada de Rubián, que permanecerán totalmente cortados ata as 19.00 horas; aos accesos á Medela e Relás; e aos accesos a San Pedro e á rúa Boavista.

0.15832114219666