A campaña “Toponimízate” achégase a Quiroga este venres cunha charla centrada na conservación dos nomes

A campaña de divulgación da toponimia galega “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” chegará este venres, 28 de agosto, a Quiroga cunha charla centrada na conservación dos nomes do territorio e na participación da veciñanza. A actividade terá lugar a partir das 19.00 horas na Casa da Cultura e está organizada polas concellerías de Cultura e Dinamización Lingüística do Concello de Quiroga.
A sesión forma parte das sete charlas que aínda restan da campaña de 2026, que continuará ata o mes de novembro. O encontro está aberto a todas as persoas interesadas na toponimia local e, especialmente, a aquelas que queiran contribuír á recuperación e conservación dos nomes de leiras, camiños, fontes, penedos, regos e outros lugares a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
O acto será presentado polo alcalde de Quiroga, José Luís Rivera Castro, e polo concelleiro de Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández Montes. Ambos darán paso á intervención de Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da Real Academia Galega.
A elección de Quiroga para esta actividade cobra especial relevancia polas dimensións do territorio municipal. Con máis de 300 quilómetros cadrados, é o quinto concello galego de maior superficie. Tendo en conta a densidade media de topónimos existente en Galicia, arredor de 50 por quilómetro cadrado, poderían existir no municipio uns 15.000 nomes de lugares.
Porén, a orografía de serra de boa parte do territorio fai que a densidade sexa menor que noutras zonas dedicadas principalmente ao cultivo, onde se concentra un maior número de microtopónimos. Na actualidade, a plataforma Galicia Nomeada apenas ten recollidos uns 400 topónimos de Quiroga, polo que a necesidade de recuperar estes nomes antes de que desaparezan co paso das xeracións resulta especialmente importante.
Precisamente, un dos principais obxectivos da charla será animar a veciñanza a implicarse na recollida dos microtopónimos das diferentes aldeas do municipio mediante a aplicación Galicia Nomeada.
Durante a sesión, Vicente Feijoo explicará o funcionamento da ferramenta e as súas principais posibilidades. As persoas asistentes coñecerán como crear unha conta de usuario, introducir un novo topónimo, incorporar fotografías, arquivos de son ou documentos e enviar suxestións ou correccións sobre os nomes que xa aparecen no visor. A intención é que os participantes rematen a charla coñecendo os recursos da aplicación e preparados para utilizala.
A actividade tamén permitirá abordar as novidades derivadas da publicación do Nomenclátor de Galicia e os cambios que afectaron a diferentes topónimos de Quiroga. Entre os exemplos que se analizarán figuran a inclusión do artigo no nome da localidade A Venda Nova ou a súa supresión en Albaredos, xunto con outros cambios e os argumentos que os sustentan.
Na parte final da charla, a explicación centrarase na orixe e no significado dos nomes das parroquias e aldeas de Quiroga, comezando pola propia denominación do territorio municipal.