A campaña ‘Merca no teu comercio’ premia no Castro de Caldelas o consumo no comercio local

O Castro de Caldelas acolleu este luns a entrega das 20 tarxetas regalo de 50 euros correspondentes á campaña ‘Merca no teu comercio’, unha iniciativa da Xunta e da Federación Galega de Comercio destinada a incentivar as compras nos establecementos de proximidade.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no acto, no que puxo en valor a contribución desta campaña á dinamización do comercio nas localidades rurais. A iniciativa estenderase este ano por 40 municipios galegos sen centros comerciais abertos e contará coa participación de máis de 60 asociacións de comerciantes.
A campaña permanece activa ata o 30 de setembro en seis concellos da provincia de Ourense: A Rúa, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín e Vilamartín de Valdeorras. Ao remate, en cada un deles realizarase unha nova entrega de 20 tarxetas regalo por importe de 50 euros.
Na provincia da Coruña, a acción desenvolvese nesta quincena en diferentes barrios da cidade e nos municipios de Camariñas, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. En Lugo, percorre As Nogais, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Cervantes, Cospeito e Muimenta, mentres que en Pontevedra está presente na Illa de Arousa, Salceda de Caselas e Vilanova de Arousa.
As persoas interesadas en participar deben rexistrar as súas compras na web www.mercanoteucomercio.com. Tamén poden facelo directamente os comerciantes, o que permite duplicar as posibilidades de participación da clientela.
Na edición de 2025, a campaña contabilizou máis de 92.000 participacións nos distintos concellos nos que se desenvolveu.