A Biblioteca Pública Municipal de Bóveda convoca unha nova edición do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026

RibeiraSacraXa
O prazo para presentar as propostas estará aberto ata o 10 de maio
cenrtame-letras-galegas-2026
3 May 2026

A Biblioteca Pública Municipal de Bóveda convocou unha nova edición do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026 na súa fase local. A iniciativa, tanto na modalidade de relato como na de ilustración, xira este ano arredor do lema “Medrar lendo”, unha proposta que anima aos máis pequenos a lembrar e plasmar momentos nos que a lectura tivo un papel importante nas súas vidas.

O certame está aberto á participación de todos os nenos e nenas que o desexen, que poderán presentar un ou varios traballos. No caso da narración, as obras deberán ter unha extensión máxima dun folio por unha soa cara e poderán estar mecanografadas, escritas a ordenador ou a man —neste último caso, sempre en bolígrafo—. Para a modalidade de debuxo, pídese que as creacións se realicen en papel ou cartolina de tamaño aproximado DIN A4.

Cada traballo deberá ir acompañado dunha folla cos datos do autor, escritos en maiúsculas. O prazo de entrega remata o vindeiro 10 de maio e as obras deberán presentarse na Biblioteca Municipal.

O concurso organízase en tres categorías por idades: ata 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 16 anos. Un xurado especializado seleccionará un máximo de tres traballos por categoría e modalidade, e o fallo darase a coñecer antes da celebración do Día das Letras Galegas.

Os traballos premiados nesta fase local pasarán a competir na fase provincial do certame, organizada pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

0.11476993560791