A Biblioteca Municipal de Chantada retoma en outubro as sesións mensuais de contacontos

A Biblioteca Municipal de Chantada retoma a súa programación de contacontos con sesións que se celebrarán todos os primeiros venres de cada mes na Casa da Cultura. A primeira cita terá lugar o venres 2 de outubro, ás 18.15 horas, coa representación de ‘Latexos. As lendas do castro’, de K’Paparota Teatro.
A actividade está pensada para público familiar a partir dos tres anos e propón un achegamento ás lendas galegas desde o humor, combinando a manipulación de obxectos de mesa e monicreques. A obra ofrece unha viaxe pola fantasía e a retranca e está creada por Patricia Caméan, actriz e impulsora de K’Paparota Teatro.
A compañía, de carácter emerxente, centra o seu traballo no público familiar e combina interpretación, obxectos e monicreques. A súa proposta aposta pola pedagoxía teatral e por un teatro próximo, centrado nas persoas e nos vínculos, así como no coidado da infancia e na transmisión de valores sociais e ambientais.
A sesión forma parte do programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Lingua.