A banda Brassica Rapa ofreceu un concerto gratuíto con motivo do 25 aniversario do Conservatorio Municipal de Música de Monforte

A actuación reuniu ao público na Casa da Cultura cun repertorio variado interpretado por unha banda formada integramente por mulleres
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu na tarde deste venres ao concerto da banda galega Brassica Rapa, celebrado na Casa da Cultura Lois Pereiro. A actuación, de entrada libre, forma parte das actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25 aniversario do Conservatorio Municipal de Música.
No evento tamén estiveron presentes membros do goberno local, entre eles a tenente de alcalde, Gloria Prada, e varios concelleiros do executivo municipal.
O público asistente puido gozar dun repertorio dinámico e festivo a cargo desta formación integrada exclusivamente por mulleres. A banda combina instrumentos de vento metal e percusión nun espectáculo no que se mesturan estilos como o pop, o jazz, a música tradicional galega e bandas sonoras coñecidas.
O concerto inscríbese dentro dun programa máis amplo de actividades co que o Concello celebra os 25 anos de traxectoria do Conservatorio Municipal ‘Mestre Ibáñez’, creado en 1999 como unha aposta pola formación musical. Na actualidade, o centro ofrece ensinanzas en sete especialidades e conta cun equipo docente de dez profesionais.
Ao longo deste cuarto de século, arredor de 800 estudantes pasaron polo conservatorio, unha cifra que supera os 2.000 alumnos se se inclúe tamén o alumnado da Escola Municipal de Música.
A programación conmemorativa, iniciada o pasado mes de abril, continuará nas próximas semanas e culminará o 6 de xuño cun acto central na Casa da Cultura. Nesta cita participarán membros da comunidade educativa e haberá actuacións de antigos alumnos que actualmente desenvolven a súa carreira profesional no ámbito musical.