A auga da billa de Barxa de Lor na Pobra do Brollón volve ser apta para o consumo tras varios días de restricións

RibeiraSacraXa
As últimas analíticas confirman que o subministro recuperou a súa calidade habitual, despois de que as choivas dos últimos días elevasen os niveis de turbidez na rede
auga-billa-grifo-redimensionado
Imaxe de arquivo ilustrativa
23 Nov 2026

O Concello da Pobra do Brollón informou de que a auga da rede de abastecemento de Barxa de Lor xa se pode consumir con total normalidade. Segundo as últimas analíticas realizadas, o subministro recuperou a calidade óptima tras varios días baixo restrición de uso.

A limitación activárase o pasado 19 de novembro, despois de que as intensas choivas rexistradas na zona provocasen un incremento notable da turbidez na auga da rede pública. Seguindo as recomendacións da autoridade sanitaria, o Concello pedira entón aos veciños que evitasen beber auga directamente da billa, así como empregala para cociñar, lavar alimentos crus, a hixiene bucal ou a preparación de biberóns e alimentos infantís.

Durante eses días, con todo, mantívose o uso da auga para outras tarefas cotiás, como a hixiene persoal —ducharse, bañarse ou lavar as mans— e a limpeza do fogar, incluíndo fregar chans, limpar superficies ou lavar a louza.

Dende o Concello destacouse que, durante o período de restrición, os servizos técnicos municipais traballaron xunto coa empresa encargada da xestión do servizo para restablecer canto antes a calidade da auga. Finalmente, as analíticas máis recentes confirmaron que o subministro volve cumprir os parámetros necesarios para o consumo humano, polo que queda sen efecto a limitación establecida días atrás.

0.13671588897705