A asociación O carballo e o Concello de Taboada preparan un obradoiro infantil de cociña

A localidade de Taboada acollerá o vindeiro sábado, 21 de novembro, un obradoiro de cociña pensado para o público infantil, no que os máis pequenos poderán iniciarse na elaboración de donuts caseiros. A convocatoria está organizada pola asociación O Carballo, que conta coa colaboración da Área de Cultura, Deporte e Medio Rural do Concello de Taboada.
O obradoiro desenvolverase a partir das 17.00 horas nas instalacións do Cuartel Vello de Taboada. Segundo explicaron desde a organización, a proposta busca que os participantes aprendan cociñando e gocen despois saboreando o resultado do seu traballo.
O prezo da inscrición é de 10 euros por persoa. As persoas interesadas en apuntarse poden formalizar a súa reserva a través do teléfono ou WhatsApp 630 483 815, número habilitado pola asociación organizadora para xestionar as prazas.