A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza unha visita á microrreserva de orquídeas de Hórreos no Courel

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) organizará o vindeiro domingo 14 de xuño unha visita á microrreserva de orquídeas de Hórreos, no Courel, considerada a máis grande das microrreservas desta área.
Durante a actividade realizarase un roteiro interpretativo no que se explicará a paisaxe e os diferentes hábitats polos que transcorre o percorrido, con especial atención ao afloramento calcario de Hórreos. Neste punto, está previsto identificar e describir as características e particularidades das especies de orquídeas que se atopen en floración.
A xornada terá unha duración aproximada de oito horas, desde as 10.00 ata as 18.00 horas. O punto de saída será Seoane do Courel, aínda que o lugar exacto confirmarase tras a inscrición. Desde alí, o desprazamento ata o inicio da ruta realizarase en vehículos particulares.
O percorrido terá unha dificultade media, cunha distancia aproximada de 7 quilómetros e un desnivel acumulado de 300 metros nos primeiros 3 quilómetros.
A organización establece unha cota de inscrición de 6 euros para reserva de praza, que se aboará por Bizum ou transferencia bancaria. Este importe será devolto unicamente en caso de non asistencia por causas de forza maior. Segundo a entidade, a achega destinarase integramente ao propio territorio durante a actividade, en servizos como transporte ou consumicións en grupo.
Desde a AGCT recoméndase levar auga, comida, froita ou froitos secos, así como roupa e calzado axeitados, pantalón longo e protección solar.