A Asociación de Veciños de Torbeo estrea a cociña da escola cunha obra de teatro e unha festa veciñal

RibeiraSacraXa
O encontro, celebrado durante a fin de semana, combinou unha representación teatral cunha comida popular e serviu tamén para recibir a tres novas familias chegadas á parroquia
teatro Torbeo Ribas de Sil
Foto: Concello de Ribas de Sil
23 Nov 2026

A Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.) organizou durante a fin de semana a primeira representación teatral celebrada na Escola de Torbeo, un acto que serviu ademais para inaugurar de xeito simbólico a nova cociña do centro.

A obra estivo a cargo do grupo teatral 'A Mariña', que puxo en escena unha versión adaptada de 'Quixote da Mancha' ante os veciños asistentes.

Tras a función, os organizadores aproveitaron para presentar a cociña recentemente acondicionada, onde se prepararon distintos pratos para compartir entre os presentes: consomé, tortillas, empanada e un magosto, nunha xornada que combinou cultura e convivencia veciñal.

Esta cita enmárcase dentro de 'Entre Bruxas', unha iniciativa que se celebra nos anos en que non ten lugar 'Tempo de Bruxas', o evento de carácter bianual que a parroquia dedica á memoria da coñecida como 'Bruxa de Torbeo', Filomena Arias.

O encontro serviu tamén para dar a benvida a tres novos veciños instalados recentemente en Moreiras de Medio: un matrimonio e a súa filla de 7 anos, que pasa a ser a veciña de menor idade de toda a parroquia de Torbeo.

Dende a organización destacouse o labor que vén desenvolvendo A.VE.TO. na dinamización social e cultural de Torbeo, impulsando este tipo de iniciativas que reforzan os lazos entre os veciños da zona.

0.19391918182373