A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno propón unha andaina de Pantón a Belesar con visita a un mosteiro

RibeiraSacraXa
A ruta terá lugar o sábado 17 de outubro, percorrerá 13,7 quilómetros e contará con 34 prazas, ademais dun autobús con saídas en Lalín e Chantada
camiño-de-santiiago-chantada
9 Oct 2026

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno organiza unha nova ruta gratuíta para dar a coñecer diferentes tramos deste itinerario xacobeo. A próxima saída será o sábado 17 de outubro, en colaboración co Concello de Pantón, cun percorrido de 13,7 quilómetros entre Pantón e Belesar.

A andaina comezará ás 10.00 horas no Mosteiro de Ferreira de Pantón. As persoas que se despracen polos seus propios medios están convocadas a partir das 9.30 horas para participar nesta xornada que combina o exercicio ao aire libre co descubrimento do patrimonio da contorna.

Para facilitar a asistencia, a organización habilitará un servizo de autobús con saída de Lalín ás 8.30 horas e parada en Chantada ás 9.00 horas.

A actividade dispón de 34 prazas e inclúe unha visita ao Mosteiro cisterciense do Divino Salvador, ademais dunha degustación de petiscos. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude de inscrición ata as 24.00 horas do 12 de outubro a través do formulario habilitado pola organización. O envío da solicitude non garante a reserva da praza, que será confirmada por correo electrónico o 15 de outubro.

A seguinte saída promovida pola asociación está prevista para o 7 de novembro, cunha ruta entre Bandeira e Ponte Ulla que incluirá unha visita ao Pazo de Oca.

0.17360401153564