A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno comeza este sábado unha serie de rutas por distintos tramos da vía xacobea

RibeiraSacraXa
A primeira percorrerá o treito entre O Barco e A Rúa, e conta con 60 prazas e transporte desde Lalín, Chantada, Monforte e Pantón
peregrinos camiño santiago
29 Sep 2026

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, da que forma parte o Concello de Pantón, inicia este sábado, 3 de outubro, o seu programa de rutas para dar a coñecer diferentes tramos desta vía xacobea. A primeira proposta permitirá percorrer a pé os 12,65 quilómetros que separan O Barco de A Rúa.

A actividade comezará ás 10.00 horas no Barco e contará con 60 prazas. As persoas interesadas poden inscribirse ata este xoves, 1 de outubro, ás 12.00 horas, a través do formulario habilitado pola organización. A presentación da solicitude non implica a reserva da praza, xa que a organización contactará posteriormente con cada participante para confirmar a dispoñibilidade e, se corresponde, indicar o horario de recollida.

A xornada incluirá tamén unha visita ás Covas de Vilamartín de Valdeorras, así como petiscos e unha degustación. A participación é gratuíta e inclúe o transporte en autobús, o acompañamento dun técnico de montaña e de guías e o seguro da actividade.

Para facilitar os desprazamentos, un dos autobuses partirá de Lalín ás 08.00 horas e realizará paradas posteriores en Chantada e O Barco. O segundo sairá tamén ás 08.00 horas de Pantón e pasará por Monforte antes de chegar ao punto de inicio da ruta. As horas concretas das paradas posteriores serán comunicadas por teléfono ás persoas participantes.

O regreso está previsto ás 16.00 horas desde Vilamartín de Valdeorras. Un dos autobuses fará o percorrido de volta polo Barco, Chantada e Lalín, mentres que o outro se dirixirá a Monforte e Pantón. As persoas que se despracen polos seus propios medios deberán organizar o regreso pola súa conta, xa que só poderán utilizar os autobuses se quedan prazas dispoñibles.

O programa terá continuidade durante os meses de outubro e novembro. A segunda ruta celebrarase o 17 de outubro entre Pantón e Belesar e incluirá unha visita ao Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón. A terceira saída está programada para o 7 de novembro, cun percorrido entre Bandeira e Ponte Ulla e unha visita ao Pazo de Oca.

0.17603015899658