A área sanitaria de Lugo asegura manter estable a actividade urxente nos hospitais "malia o impacto da folga"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Segundo os datos ofrecidos polo organismo, as intervencións programadas caeron un 24% no primeiro semestre, mentres que a cirurxía urxente apenas variou
balance-actividade-primeiro-semestre-sergas-lugo
30 Sep 2026

Os datos de actividade asistencial e tempos medios de agarda ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e correspondentes ao primeiro semestre de 2026 reflicten un descenso da actividade programada nos hospitais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, mentres que a atención urxente se mantivo en niveis similares aos do mesmo período do ano anterior. Segundo a información facilitada polo Sergas, as sucesivas xornadas de folga do persoal facultativo contra o Estatuto Marco do Ministerio de Sanidade tiveron un impacto especialmente significativo na actividade programada.

Entre xaneiro e xuño realizáronse nos tres hospitais da área un total de 11.648 intervencións cirúrxicas, fronte ás 14.565 do primeiro semestre de 2025, o que supón 2.917 operacións menos e unha redución do 20%. A caída concentrouse na cirurxía programada, con 9.056 intervencións fronte ás 11.939 do ano anterior, un 24% menos.

Pola contra, a cirurxía urxente ou non demorable mantívose practicamente estable. Segundo os datos do Sergas, realizáronse 2.592 intervencións urxentes, fronte ás 2.626 do primeiro semestre de 2025, é dicir, 34 menos, cun descenso do 1,3%.

Neste contexto, a espera media para unha intervención cirúrxica situouse o 30 de xuño en 73,8 días no conxunto da área sanitaria, fronte aos 53,9 días da mesma data de 2025. Con todo, o 71% dos pacientes incluídos na lista de espera agardaron menos de tres meses pola intervención.

A atención aos pacientes con patoloxías graves, procesos tempo-dependentes ou sospeita de enfermidades oncolóxicas mantívose como unha prioridade. Segundo o Sergas, as vías rápidas para pacientes con sospeita de procesos oncolóxicos atenderon 773 persoas durante o primeiro semestre, fronte ás 752 do mesmo período de 2025.

Entre os incrementos destaca a vía rápida de Otorrinolaringoloxía, que pasou de 188 a 216 pacientes, e a de pulmón, que aumentou de 134 a 156. Tamén se rexistraron leves aumentos nas vías rápidas de próstata e mama.

No caso dos pacientes en prioridade I, aqueles con patoloxías tempo-dependentes, a espera media foi de 24 días, por debaixo dos 30 días establecidos polo Sergas como prazo máximo de atención para este nivel de prioridade.

A actividade diagnóstica mantívose tamén en niveis elevados durante os seis primeiros meses do ano. Nos tres hospitais realizáronse 137.026 estudos de radioloxía convencional, 27.895 TAC, 10.498 resonancias magnéticas e 30.945 ecografías.

Segundo os datos facilitados polo Sergas, as resonancias magnéticas aumentaron en 582 probas respecto ao primeiro semestre de 2025, preto dun 6%, mentres que as ecografías creceron en 752 estudos, un 2,5%.

As consultas hospitalarias descenden un 1,5%

O impacto das folgas tamén se reflectiu, segundo o Sergas, na actividade das consultas hospitalarias. A espera media para unha primeira consulta situouse a finais de xuño en 111,8 días, fronte aos 80,7 días do primeiro semestre de 2025.

En canto á actividade, os especialistas dos tres hospitais atenderon 322.192 consultas presenciais durante o primeiro semestre, fronte ás 327.158 do mesmo período do ano anterior, 4.966 menos, o que representa un descenso do 1,5%. As primeiras consultas pasaron de 87.182 a 84.591, mentres que as sucesivas baixaron de 239.976 a 237.601.

As urxencias hospitalarias mantéñense estables

Fronte ao descenso da actividade programada, os servizos de urxencias dos hospitais da área atenderon 78.348 pacientes durante o primeiro semestre de 2026, fronte aos 79.182 do mesmo período de 2025. Isto supón 834 atencións menos.

Do total, 45.782 corresponderon a urxencias xerais, 9.855 a pediátricas e 22.711 a obstétricas. A porcentaxe de pacientes atendidos en Urxencias que precisaron ingreso hospitalario mantívose no 15,5%, practicamente igual que un ano antes.

Nos tres hospitais da área rexistráronse ademais 17.792 ingresos durante os seis primeiros meses do ano, fronte aos 18.235 do mesmo período de 2025. Os ingresos urxentes mantivéronse practicamente estables, con 14.111 fronte aos 14.195 do ano anterior, mentres que os programados pasaron de 4.040 a 3.681.

Os centros de saúde e os Puntos de Atención Continuada tamén mantiveron unha elevada actividade asistencial, segundo os datos do Sergas. Durante o primeiro semestre realizáronse 1.735.781 consultas en Atención Primaria, fronte ás 1.772.963 do mesmo período de 2025.

Por categorías, 902.166 correspondéronse con Medicina de Familia, 89.289 con Pediatría e 592.623 con Enfermaría. Pola contra, aumentou a actividade das matronas e de Odontoloxía.

Os 18 PAC da área sanitaria atenderon 115.078 asistencias nos seis primeiros meses do ano, 1.805 máis que no mesmo período de 2025, o que representa un incremento do 1,6%. Segundo o Sergas, preto do 90% das persoas atendidas nestes dispositivos resolven alí o seu proceso asistencial sen necesidade de ser trasladadas ao hospital de referencia.

O Sergas fixa como obxectivo recuperar a actividade programada

O xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, destacou o esforzo realizado polos profesionais para garantir a asistencia sanitaria durante un primeiro semestre condicionado polas xornadas de folga. Segundo Ares, a prioridade foi manter unha resposta rápida nos episodios inaprazables e nos pacientes con procesos máis graves.

O responsable da área sanitaria sinalou tamén que os datos deben interpretarse tendo en conta o contexto das mobilizacións, que afectaron especialmente á actividade programada. Ares destacou que, segundo os datos do Sergas, mentres as intervencións programadas diminuíron máis dun 24%, a cirurxía urxente mantívose practicamente nos mesmos niveis que no primeiro semestre do ano pasado.

A xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos ten agora como obxectivo recuperar progresivamente a actividade afectada e reducir os tempos de espera acumulados. Esta recuperación estará condicionada pola evolución das mobilizacións e pola posibilidade de manter con normalidade a actividade programada, mantendo á vez a prioridade para os pacientes en función da súa gravidade e necesidade clínica.

0.11477589607239