A andaina ‘Canóns do Sil’ percorrerá 11 quilómetros por Sober o 15 de novembro

O Concello de Sober será escenario, o vindeiro 15 de novembro, dunha nova xornada de sendeirismo organizada por Anda Heroica. A proposta consiste nunha andaina de 11 quilómetros que transcorrerá polos Canóns do Sil, un dos espazos máis característicos da Ribeira Sacra.
Ao longo do percorrido, os participantes poderán gozar de varios puntos de observación panorámica, entre os que destaca o miradoiro da Cividade, un dos enclaves máis coñecidos para contemplar o canón escavado polo río Sil.
A saída está prevista ás 10.00 horas, co punto de encontro en SolPor Camper Park, dende onde arrincará a ruta.
As persoas interesadas en sumarse a esta actividade poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma ChampionChipNorte.