A 26ª edición da Carreira Popular de Monforte de Lemos bate récord de participación

A 26ª edición da Carreira Popular de Monforte de Lemos contará este ano cun récord de participación na etapa pospandemia, ao acadar un total de 1.280 persoas inscritas, o que supón un incremento do 30% respecto á edición anterior.
A proba celebrarase este domingo, 26 de abril, a partir das 11.00 horas, con saída e meta na Explanada da Compañía, xunto aos Escolapios. O alcalde, José Tomé Roca, destacou o crecemento da cita, subliñando que “nesta nova edición temos a cifra de participación máis alta desde a pandemia e prodúcese un salto cuantitativo moi importante respecto dos datos de 2025, xa que temos un aumento do 30% no listado de inscritos, o que fala moi ben da nosa carreira popular, sen dúbida, unha cita de referencia no calendario das carreiras populares galegas”.
En comparación co pasado ano, cando se rexistraron 986 participantes, a carreira suma nesta edición 294 corredores máis, achegándose ás cifras previas á pandemia e consolidando o seu papel dentro do calendario deportivo galego.
Do total de inscritos, máis de medio milleiro competirán na categoría absoluta, mentres que o resto repartiranse entre as distintas categorías de base, desde a categoría mini ata cadete, o que confirma tamén a elevada participación infantil e xuvenil.
A proba principal consistirá nun percorrido urbano de 10.000 metros polas rúas máis céntricas da cidade, estruturado en dúas voltas a un circuíto de cinco quilómetros. Ademais, haberá carreiras adaptadas para menores con distancias de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros, en función da idade.
Todas as probas, agás a categoría mini —de carácter non competitivo—, contarán con sistema de cronometraxe mediante chip.
Con motivo da celebración do evento, está previsto que o tráfico se vexa afectado en diferentes rúas do centro urbano desde as 10.15 horas e ata a finalización das carreiras, con cortes progresivos para garantir a seguridade das persoas participantes.