42 alumnos do IES A Pinguela celebraron a súa graduación no Edificio Multiusos de Monforte

RibeiraSacraXa
A promoción estivo apadriñada pola exalumna Sandra Piñeiro Pedreira nun acto que combinou emoción, lembranzas e momentos de humor
graduacion-ies-a-pinguela-2026
21 May 2026

42 alumnos do IES A Pinguela participaron no seu acto de graduación, celebrado no Edificio Multiusos de Monforte de Lemos, nunha xornada marcada pola emoción, os recordos e tamén os momentos de humor.

A promoción estivo apadriñada pola exalumna de Humanidades Sandra Piñeiro Pedreira, premio extraordinario de Licenciatura en Historia e actualmente profesora da Universidade da Coruña.

Durante o acto sucedéronse as intervencións habituais deste tipo de celebracións, ás que se sumaron momentos máis distendidos protagonizados polos alumnos de 3º da ESO Matías Absil, Gareth Vila, Rayan Jaadar e Leo Pascual, encargados de achegar a nota humorística á xornada.

As lembranzas dos dous cursos compartidos chegaron da man do alumnado e do profesorado participante, así como dunha peza audiovisual con imaxes do paso dos estudantes polo instituto. Posteriormente, cada un dos graduados recibiu a súa banda, a orla e distintos recordos da súa etapa no centro educativo monfortino.

A condución do acto correu a cargo dos alumnos de 1º de Bacharelato Araili Vásquez e Aarón Rodríguez. A profesora de Inglés Cruz Maseda participou tamén cun discurso de carácter emotivo.

O peche da cerimonia correspondeulle ao director do instituto, Enrique Sampil, que animou ao alumnado graduado a continuar a súa formación e a traballar no seu futuro académico e profesional.

Tras o acto celebrado no Edificio Multiusos de Monforte de Lemos, a xornada continuou cunha cea de confraternidade nun restaurante da localidade.

0.089026212692261