O PP de Ribas de Sil conta con nova voceira, Sandra Macía, quen pediu a mellora dos accesos e traídas da auga

RibeiraSacraXa
Sandra Macía estreouse como voceira do PP de Ribas de Sil no pleno que celebrou a Corporación municipal, no que pediu a mellora de importantes accesos e das traídas de auga do municipio.
Sandra Macía PP Ribas de Sil
20 Apr 2024

Sandra Macía estreouse como voceira do PP de Ribas de Sil no pleno que celebrou a Corporación municipal, no que pediu a mellora de importantes accesos e das traídas de auga do municipio. Deste xeito, a popular puxo o acento nesta cuestión porque, sinala, “presentan un estado deficitario que é preciso atallar con urxencia”.

“Dende o Partido Popular trouxemos estes asuntos ao Pleno porque algúns destes camiños que dependen do Concello son un risco para os veciños. Trátase de evitar un mal maior. Así llo trasladamos ao rexedor, agardando que tome nota da nosa petición”, apunta a nova voceira.

Concretamente, e dun xeito máis preciso, os populares solicitaron a limpeza do camiño real en Figueiredo, que leva un mes cortado por un derrubamento impedindo o acceso a Olivares, ademais do de Villardomato. Este presenta, din, “un claro risco de fundimento”. “Pedimos que se valoren ambas as dúas necesidades e se leven a cabo as xestións e os traballos pertinentes”, remarca.

A nova voceira, ademais, afeou ao rexedor socialista que os orzamentos se teñan que aprobar case en maio porque o Concello imcumpre os seus propios acordos de celebrar os Plenos cada dous meses. “Dende decembro non se convocou ningún” e insta ao goberno local “a ser máis dilixente porque é o que queremos para Ribas de Sil”.

Xunto a Sandra Macía tamén tomou posesión como edil Emilio Fernández: “Faremos unha oposición construtiva e útil aos veciños. Temos ilusión, gañas de traballar e ser a alternativa ao desgoberno que temos”, afirmou, ao tempo que tivo palabras de agradecemento para o voceiro anterior: “Jose fixo un excelente traballo e, por iso, queremos poñelo en valor publicamente. Sabemos da súa entrega ao Partido polo que seguiremos contando con el. Somos un equipo no que ningún sobre e todos sumamos”, concluíu.

0.079357862472534