20 persoas fórmanse este ano no Obradoiro Dual de Emprego A Pinguela III

RibeiraSacraXa
Enre as actuacións previstas, os participantes levarán a cabo o acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela e a restauración do contorno das zonas afectadas polos incendios forestais de 2022
obradoiro-a-pinguela-iii
17 Jun 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a benvida este martes, 16 de xuño, ao alumnado, persoal docente e equipo administrativo do Obradoiro Dual de Emprego A Pinguela III, que se desenvolverá na Escola Obradoiro A Pinguela durante os vindeiros nove meses.

O programa formativo está promovido polo Concello de Monforte e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Durante a súa execución, o obradoiro creará un total de 24 postos de traballo: 20 alumnos e alumnas, un director ou directora, dous monitores ou monitoras e un auxiliar administrativo.

O proxecto formará a 20 participantes ao longo de nove meses e desenvolverase en dúas especialidades: Carpintería e moble e Pavimentos e albanelería de urbanización, combinando formación teórica e práctica remunerada.

Durante o acto de benvida tamén participaron a tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. O rexedor felicitou ás persoas participantes pola súa incorporación ao programa e subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para mellorar a cualificación profesional e favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas. Neste sentido, animounos a “aproveitar esta oportunidade para formarse e adquirir cualificación profesional en sectores que hoxe están moi demandados”.

O alcalde tamén agradeceu a colaboración da xefa territorial de Emprego e o labor do equipo directivo, docente e administrativo implicado no proxecto, destacando o seu papel nunha iniciativa que combina formación e emprego ao tempo que desenvolve actuacións de utilidade pública para o municipio.
O obradoiro inclúe ademais incentivos á contratación, de xeito que o alumnado poderá optar a un posto de traballo noutra empresa durante un período mínimo de tres meses.

O orzamento total do programa ascende a 526.576 euros, financiados con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal á Xunta de Galicia e con fondos propios do Concello de Monforte. A iniciativa xorde tras a solicitude dunha subvención realizada polo Concello no pasado mes de decembro á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

En canto ao seu desenvolvemento formativo, o obradoiro estrutúrase en dous módulos: un de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble, e traballos de carpintería e moble, con 10 alumnos e alumnas, e outro de Pavimentos e albanelería de urbanización, tamén con 10 participantes.

As actuacións previstas inclúen o acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela e a restauración do contorno das zonas afectadas polos incendios forestais de 2025, concretamente nos locais sociais de Moreda e de Seoane. Ademais, o proxecto dá continuidade a intervencións iniciadas en 2023 para mellorar e poñer en valor este equipamento municipal destinado á formación e inserción laboral.

Tamén se recollen actuacións en elementos de mobiliario urbano municipal en mal estado, co obxectivo de mellorar a súa conservación e integralos no proceso formativo do alumnado.

0.12634205818176