1.280 corredores tomaron Monforte na XVI Carreira Popular, a máis multitudinaria desde 2018

Máis de mil persoas participaron este domingo nas rúas de Monforte de Lemos na XVI Carreira Popular, unha das citas deportivas máis consolidadas do calendario galego, que acadou este ano unha cifra récord de inscricións desde 2018 cun total de 1.280 corredores, o que supón un incremento do 30% respecto a 2025.
A xornada desenvolveuse con bo tempo e sen incidencias, convertendo a cidade nun gran escenario deportivo ao longo de toda a mañá. A primeira das probas foi a categoría Mini, con 93 nenos e nenas nados en 2022 e anos posteriores, que completaron un pequeno percorrido de 80 metros. O alcalde, José Tomé Roca, participou na saída da carreira absoluta e tamén na entrega de medallas aos máis pequenos, acompañados dunha bolsa de lambetadas.
De maneira progresiva fóronse sucedendo o resto de categorías de base, con 250 inscritos en prebenxamín, 175 en benxamín, 138 en alevín e 110 entre infantil e cadete, con percorridos adaptados de entre 700 e 2.000 metros, con saída e meta na explanada da Compañía.
O momento central chegou ás 12.00 horas coa carreira absoluta, na que tomaron a saída 514 corredores e corredoras para completar un percorrido de 10 quilómetros polo centro urbano, dividido en dúas voltas. O trazado incluíu rúas emblemáticas como o Paseo do Malecón, a Avenida de Galicia ou a Praza da Compañía, que se encheu de público para animar aos participantes.
O alcalde destacou o “gran éxito de participación” e o bo ambiente vivido durante toda a mañá, agradecendo tanto o esforzo dos atletas como a resposta da veciñanza. No acto de entrega de premios participaron tamén a tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán.
Na clasificación xeral da carreira absoluta, os gañadores foron Carlos López Moral, Esteban Iglesias Vila e Daniel Murado na categoría masculina, e Leyla Villar Abella, María Cedrón e Begoña Domínguez Montes na feminina. Ademais, entregáronse premios económicos e trofeos aos mellores clasificados, así como recoñecementos especiais aos atletas locais e aos equipos mellor situados. Por equipos, o triunfo foi para A Gándara, que se fixo co primeiro posto da clasificación.