Xurxo Souto participará dunha nova edición das Foliadas Guímaras da Pobra do Brollón
Este sábado, 26 de outubro, celébrase unha nova edición das Foliadas Guímaras, unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón en colaboración coas asociacións veciñais das parroquias co obxectivo de descentralizar a programación cultural e fomentar a tradición musical do municipio.
Desta volta, será no local social da parroquia de Piño, onde haberá grandes convidados, comezando ás 20.00 horas coa presenza de Xurxo Souto. O escritor, narrador e músico presentará o seu novo libro, 'Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta'. Na obra, Souto defende a relación entre poesía e música ao longo da historia ademais de rescatar importantes figuras da música popular.
Tras a presentación e antes de dar paso á foliada, a Asociación veciñal de Piño ofrecerá un caldo comunitario, para o que dende a organización instan aos asistentes a levar cunca e culler.
A foliada propiamente comezará a partir das 22.00 horas, animada por Lagháchema, grupo de cantadoras e tocadoras radicadas en Santiago de Compostela.