Xa está aberto o prazo para participar na Feira Medieval de Monforte con postos de alimentación, artesanía e comercio

RibeiraSacraXa
Xa está aberto o prazo para participar na Feira Medieval de Monforte con postos de alimentación, artesanía e comercio
Traxes Monforte
3 Feb 2023

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que xa está aberto o prazo para solicitar a participación na XIX Feira Medieval de Monforte, que se celebrará o sábado día 8 e o domingo 9 de abril de 2023.

"Con esta convocatoria seguimos traballando na organización das actividades propias do calendario de eventos anual do noso concello, neste caso a Feira Medieval, que constitúe un dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra".

Prazos e requisitos de inscrición

As bases recollen que o prazo de inscrición remata o 28 de febreiro e o día 15 de marzo publicarase na páxina web municipal a listaxe de admitidos, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o prezo de inscrición, que admite tres modalidades de postos: alimentación, artesanía e comercio.

E, do mesmo xeito, darase prioridade ás solicitudes de vendedores de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesán. O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 euros para os que midan ata tres metros de longo e de 51,54 euros para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 euros independentemente do seu tamaño.

No transcurso da Feira Medieval, o horario de apertura dos postos inscritos será ás 10.00 horas e o peche dos mesmos será entre as 21.00 e 23.00 horas, en función do público participante.

Na Sede Electrónica da entidade pódese realizar a inscrición on line. Para elo deberá de dispoñer do certificado dixital ou DNI electrónico.

0.14220309257507