Vinte negocios e catro concellos reciben unha axuda para facerse coa Q de calidade turística
Vinte negocios e catro administracións locais da provincia de Lugo reciben unha subenvión de 16.000 euros para axudar a sufragar os gastos derivados de obter ou manter a Q de Calidade Turística nos seus servizos. Este ano, 13 das achegas concedidas a empresas lucenses son para financiar os procesos de seguimento da Q de Calidade; cinco para renovala e dúas para certificala por primeira vez.
En canto ao reparto destes incentivos, recaen en sete negocios da Mariña -tres en Ribadeo, dous en Viveiro, un en Burela e outro en Foz; catro da Zona Sur – dous en Sober, un en Monforte de Lemos e un en Quiroga -; catro da capital lucense; dous de Palas de Rei e un de cada un dos seguintes municipios: Portomarín, Sarria e Vilalba. Entre os beneficiarios hai hoteis, balnearios, restaurantes, albergues e casas de turismo rural, entre outros.
No que respecta aos concellos, a Xunta apoia o proceso de seguimento da Q de Calidade da rede de miradoiros de Sober e das praias de Covas e Area (Viveiro); As Catedrais e Os Castros- As Illas (Ribadeo); e A Rapadoira (Foz).
A Xunta xestiona diferentes programas de axudas que están a apoiar “o esforzo do sector turístico lucense por alcanzar os máximos estándares de calidade”, como a liña para renovar as infraestruturas e equipamentos de establecementos do ramo ou Bono Turístico para incentivar o consumo fóra da tempada estival, entre outras medidas.