Veciños do Saviñao reclaman o arranxo de dúas vías provinciais

RibeiraSacraXa
A estrada Monforte – Currelos no tramo do municipio e a que vai da planta da láctea Celega a Diomondi
obras-estradas-caminos
Imaxe de arquivo
28 Xul 2024

A asociación veciñal do Saviñao dirixiuse á Deputación Provincial para transmitir a necesidade de arranxo de mantemento das estradas de titularidade provincial no municipio que máis o precisan.

"Somos conscientes da inmensa cantidade de quilómetros de estradas de competencia da Deputación no conxunto da provincia. Por iso a nosa solicitude cínguese a aquelas estradas que precisan unha atención urxente en función do seu estado de deterioro e do ratio de uso pola poboación", indican.

Solicitan polo tanto atención urxente en dúas estradas en concreto. A estrada Monforte – Currelos (3202). Trátase da vía de comunicación de todas as poboacións da metade norte do concello do Saviñao coa cabeceira comarcal de Monforte de Lemos. É unha vía de alto coeficiente de uso.

"Esta estrada presenta un excelente estado, arranxado recentemente con aglomerado, dende Monforte ata xusto o límite deste municipio co do Saviñao no lugar das Fontelas. Xusto no límite de municipios a estrada convértese nun suplicio con socavóns e perda da capa de rodadura en numerosos puntos (Ousende, Aiaz, A Broza, Estrumil, Forcadod ) ata practicamente Currelos", engaden.

"Esta diferencia na atención na mesma estrada entre os concellos de Monforte e o do Saviñao supón un incomprensible agravio comparativo. Solicitamos unha atención equivalente nesta estrada no territorio municipal do Saviñao", din.

A outra estrada sobre a reclaman atención é a que vai da planta da láctea Celega a Diomondi (5806).
Nesta estrada conflúen moitos lugares das parroquias de Freán, Loredo, Santa Mariña, Laxe e Diomondi; ten por iso un importante movemento de vehículos e alta frecuencia de uso. Ademais é a estrada que leva á icónica igrexa románica de Diomondi e ó Albergue do Camiño de Inverno a Santiago, polo que é unha vía frecuentada por numerosos visitantes e turistas.

·"A capa de rodadura esta moi deteriorada e leva anos reclamando unha atención integral (capa de aglomerado en quente) mais aló dos traballos de rebacheo habituais que xa son insuficientes pola degradación", afirman.

"Na procura de que sexan atendidas estas razonadas peticións veciñais, e tal como foron atendidas outras demandas recentes da asociación, pedimos que se inclúan estas dúas estradas nos proxectos inmediatos de reparación e mantemento das estradas provinciais de titularidade da Deputación", recalcan.

0.18588495254517