Varias estradas están afectadas pola chuvia e a neve

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Mantense limitada a circulación nas estradas inundadas nos concellos de Outeiro de Rei, Xermade, Cospeito, Castro de Rei e Begonte, así como a LU-P-5004, en Quiroga, afectada polo desprendemento da ladeira da montaña.
18 Jan 2023

Mantense limitada a circulación nas estradas inundadas nos concellos de Outeiro de Rei, Xermade, Cospeito, Castro de Rei e Begonte, así como a LU-P-5004, en Quiroga, afectada polo desprendemento da ladeira da montaña.

A Deputación de Lugo cortou na mañá deste mércores a estrada provincial LU-P-3806, de Ourol a Sixto, tras o afundimento dun lateral da vía provocado polas intensas choivas destes días. Os técnicos provinciais traballan xa nunha avaliación técnica e económica para determinar os danos sufridos pola vía e, deste xeito, reducir ao máximo o corte da estrada.

Por outra banda, mantéñense cortadas as vías provinciais afectadas polas inundacións nos concellos de Outeiro de Rei, Xermade, Cospeito, Castro de Rei e Begonte. Son as seguintes:

  • Outeiro de Rei: LU-P-5101, Rábade (N-VI) – Friol (LU-232) (Ponte Oriz inundado)
  • Xermade: LU-P-2207, A Raiola (LU-P-6513) – Ponte Corbal – Buriz (LU-170)
  • Guitiriz: LU-P-2101, Friol (LU-934) – Parga (LU-242)
  • Cospeito: LU-P-1701, Feira do Monte (LU-111) – Muimenta (LU-120)
  • Castro de Rei: LU-P-1110, Santa Leocadia (LU-P-1611) – Ansemar – Ludrio (LU-P-1102)
  • Begonte: LU-P-0802, Begonte (N-VI) – Santalla

Igualmente, mantense limitado o tráfico na LU-P-5004, en Quiroga, que sufriu un desprendemento da ladeira da montaña e, unha vez librada, farase unha avaliación técnica e económica dos danos por parte da institución provincial.

En canto ás nevaradas, a rede viaria afectada na zona da Montaña mantense aberta para turismos, que circulan con dificultade, e o operativo da Deputación traballa intensamente dende onte á primeira hora da mañá para manter as condicións de seguridade. As estradas atópanse restrinxidas ao tráfico de camións.

Con motivo do temporal, no Concello de Viveiro producíronse diversas incidencias polo incremento do nivel do caudal dos ríos, que afectou a vías de circulación tanto de titularidade municipal como autonómica e provincial. 

Como consecuencia destas enchentes, procedeuse a realizar os cortes deses viais, por exemplo, na LU-161, na zona de Landrove, San Pedro e Chavín, así como tamén en zonas de Galdo, Celeiro, Area e Covas.

Tamén se produciron, a raíz das chuvias e do vento, desprendementos de taludes de terra e caídas de árbores que afectaron aos viais nas zonas de Vieiro, Celeiro e Santo Albites; houbo, así mesmo, algún aviso de desprendementos de elementos de fachadas de inmobles de titularidade privada.

Ademais, na estrada de Galdo, á altura de Portochao, foi preciso auxiliar aos dous ocupantes dun vehículo que quedaron atrapados ao atoparse o vial parcialmente inundado pola crecida do río Landro.

Incremento de medios

A Deputación incrementou na xornada de hoxe os medios mobilizados no operativo que activou para facer fronte ós efectos do temporal, sobre todo pola gran cantidade de árbores caídas nas estradas. Desta forma, conta cun total de 74 traballadores, 24 máquinas quitaneves, 11 pick up con saleiro e cuña quitaneves, 8 vehículos todoterreo de apoio e un medio mecanizado para mover as árbores de gran tamaño que foron derribadas polo temporal sobre as vías. Así mesmo, os 12 silos de sal da Deputación dispoñen de 35 toneladas cada un para conseguir desfacer as placas de xeo que hai no firme e favorecer así a seguridade dos usuarios e usuarias das vías.

A institución provincial recomenda á cidadanía manter a máxima prudencia ante os efectos do temporal e traballa coa previsión de que á última hora do día poidan quedar pechadas algunhas das estradas.

RECOMENDACIÓNS

A subida inesperada dos caudais dos ríos pode dar lugar a desbordamentos puntuais e, consecuentemente, a inundación eventual dun terreo, un espazo urbano ou propiedades. Por iso, o 112 ofrece os seguintes consellos:

  • Abandona as actividades que poidas estar a realizar nos espazos fluviais
  • Retira vehículos da marxe dos ríos
  • Evita atravesar pontes ou torrentes
  • No caso de que a auga alcance o teu vehículo, sal e sitúache nunha parte alta

A Delegación do Goberno lembra que as medidas xerais de protección a adoptar ante un temporal de neve e frío son:

Se vai viaxar

  • Solicitar información previa do estado das estradas e da situación meteorolóxica.
  • Evitar a viaxe en coche sempre que non sexa necesario e utilizar, se é posible, transporte público.
  • En caso de ser imprescindible a utilización do vehículo, revisar pneumáticos, anticonxelante e freos. Ademais, hai que ter a precaución de encher o depósito da gasolina, e levar cadeas e elementos de abrigo.
  • Así mesmo, é recomendable levar un teléfono móbil e dispositivo de alimentación do mesmo.
  • Ir moi atento para ter especial coidado coas placas de xeo. É difícil determinar en que lugar do traxecto poden formarse, aínda que xeralmente as zonas de sombría son as máis habituais.

Se queda atrapado pola neve

  • Debe permanecer no coche, se o temporal sorpréndelle dentro do mesmo.
  • Así mesmo, é conveniente manter o motor do vehículo aceso e a calefacción posta, coidando renovar cada certo tempo o aire. É moi importante evitar quedar durmido.
  • Comprobar que se mantén libre, en todo momento, a saída do tubo de escape para que o fume non penetre no coche.
  • Se é posible, tente sintonizar as emisoras de radio, que seguramente lle informarán das predicións meteorolóxicas, as informacións oficiais sobre o estado da situación e as indicacións que se dean respecto diso.
0.15177702903748