Valoran positivamente o Servizo de Atención Temperá da Comarca de Chantada

RibeiraSacraXa
Desde os concellos amosaron a súa satisfacción por contar cunha atención temperá de balde e próxima ás familias, “un servizo que está funcionando moi ben e xa está consolidado"
SAT-Chantada,-Taboada-e-Carballedo
20 Ago 2024

O Servizo de Atención Temperá da Comarca de Chantada, que conta coa agrupación dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada, comezou a funcionar o 1 de setembro do 2022 e reuniuse a Comisión Mixta do Servizo na que desde o Concello de Chantada se deu conta aos representantes dos Concellos de Carballedo e Taboada da xestión do Servizo.

Participaron do encontro o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Cándida Carnero; Alba Pérez Iglesias, en representación do alcalde de Carballedo, o alcalde de Taboada, Roi Rigueira; e persoal dos servizos sociais e do centro de atención temperá.

Desde os concellos amosaron a súa satisfacción por contar cunha atención temperá de balde e próxima ás familias, “un servizo que está funcionando moi ben e xa está consolidado. No último ano atendéronse 85 nenas/os dos tres concellos e na actualidade temos 45 nenas en activo e 5 máis en seguimento”, explicou o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

O servizo préstase de modo provisional no Espazo Xove (Casa da Xuventude), na cuarta planta, na Rúa Rosalía de Castro nº 1, Chantada. Desde o Concello de Chantada están ultimando, no edificio onde está a Policía Local, a adecuación dun novo espazo para prestar este servizo.

O servizo é gratuíto e as persoas destinatarias da atención temperá son os nenos de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en situacións de risco de padecelos. A derivación a este servizo realízaa a pediatra, que é quen en función das observacións que ela faga, das demandas da familia, e de selo caso das aportacións do ámbito educativo, inicia o acceso ao SAT. Nos últimos anos houbo un incremento de familias estranxeiras, que aumentaron a poboación, polo que no servizo evidénciase unha gran porcentaxe de usuarios que pertencen a este colectivo.

O Concello de Chantada conta, no mes de xullo de 2024, con 8.180 habitantes dos que 327 son nenos de 0 a 6 anos. O de Carballedo, con 2.020 habitantes ten 26 nenos nesta franxa de idade; e o de Taboada con 2.631 habitantes, ten 66. Do número total dos nenos que residen en cada concello acoden e/ou acudiron ao servizo (dende a súa apertura) a seguinte porcentaxe: Chantada: 19,26 %; Carballedo: 26,92 %; Taboada: 22,72 %. E dos 85 expedientes que se abriron no servizo, a porcentaxe de nenos que asiste e/ou asistiu de cada municipio é: Chantada: 74,11 %; Carballedo: 8,23 %; Taboada: 17,64 %.

Funcións do Servizo de Atención Temperá

O servizo conta con 5 profesionais: 2 Psicólogas, Logopeda, Mestra de Educación Infantil e Terapeuta Ocupacional, para desenvolver as funcións de acollida, valoración evolutiva e intervención interdisciplinar dos nenos de 0 a 6 anos con trastornos ou situacións vulnerables do desenvolvemento; aportación e aplicación integrada de técnicas relacionadas coa Atención Temperá, nos campos da psicoloxía, da logopedia e da educación; apoio emocional, social, informativo e formativo á familia relacionado coa información diagnóstica ou co trastorno do desenvolvemento; información, orientación e apoio relacionado co desenvolvemento persoal e cas necesidades cotiás; orientación sobre outros apoios económicos, sanitarios, educativos e sociais; coordinación cos recursos sanitarios, educativos e sociais e apoio ás escolas infantís de primeiro e segundo ciclo; análise de contextos e itinerarios con identificación de factores facilitadores e barreiras; sensibilización do entorno comunitario respecto da comprensión do/a neno/a co trastorno no desenvolvemento.

O servizo funciona desde setembro ata xuño en horario de 09.00 a 19.00 horas de luns a xoves e de 09.00 a 14.30 horas os venres.

O horario de atención durante os meses de xullo e agosto é dende as 08.30 ata as 15.30 horas os luns, xoves e venres, e dende as 08.30 ata as 17.30 horas os martes e mércores.

0.17362189292908