Unha nova campaña de Toponimízate terá lugar na Casa da Cultura da Pobra do Brollón
A Casa da Cultura do Concello da Pobra do Brollón acolle unha nova campaña Toponimízate o vindeiro venres, 10 de novembro ás 19.30 horas co fin de difundir o valor da toponimia galega e na recuperación dos nosos topónimos.
Esta edición da campaña Toponimízate, que xurdiu como unha iniciativa de divulgación da toponimia galega, está coordinada pola RAG en colaboración coa Xunta de Galicia.
O obxectivo principal deste proxecto é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recollida toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.
Nesta nova xornada de charlas pertencentes á sexta edición do proxecto, procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia correra un maior perigo de perda, como é o caso daqueles lugares que viven unha forte despoboación ou sofren amplos procesos de transformación do territorio.
Desenvolvemento da iniciativa
Así, haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do perigo que corre de perderse, das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral e tamén do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello.
Neste último apartado, contarase coa colaboración na elaboración destas etimoloxías de Gonzalo Navaza, académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo.
Tamén se explicará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que veciños e veciñas poderán engadir na plataforma os topónimos que coñezan. Dende o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019, foron máis de 43.000 os microtopónimos recuperados e postos a disposición de toda a cidadanía galega na rede. Máis de 2.600 persoas colaboradoras rexistráronse, engadindo nomes en 292 concellos galegos.