Todas as parroquias de Pantón contarán con sumidoiros grazas a un convenio coa CHMS

RibeiraSacraXa
Todas as parroquias de Pantón contarán con sumidoiros grazas a un convenio coa CHMS que firmou co Concello
Concello de Pantón
13 Abr 2023

O Concello de Pantón aprobou na última sesión plenaria un convenio para poñer o colector en San Martiño de Pantón da man da Confederación Hidrográfica Miño Sil, que dará servizo de sumidoiros a todos os núcleos da parroquia.

O convenio foi aprobado por unanimidade do pleno polo que o alcalde, José Luis Álvarez, amosa a súa satisfacción con este proxecto que suporá unha importante mellora do servizo para todo o municipio.

Ademais, recolle un investimento en dúas anualidades de 1.036.000 euros, dos que a CHMS aporta 828.800 euros e o Concello de Pantón 207.200 euros.

Outras melloras

Proximamente tamén terán lugar actuacións en rúas e beirarrúas. Investiranse 48.000 euros na beirarrúa que sae do campo de Goián ao Lugar de Abaixo, 46.000€ no asfaltado e renovación de rúas en Ferreira, Goián e Toldaos.

Melloraranse tamén rúas en Ramos, Segade e Seregude con 30.000 euros e 45.000 euros adicaranse a melloras en Serode, Panfulía, Casa do Conde, Casa Nova, Castillalbo en Tuiriz, Pereiro e Guimarás.

Ademais, o Concello de Pantón mellorará os accesos á piscina con 43.000 euros, sendo o resto aportación do GDR Ribeira Sacra Courel.

Senda peonil en Tuiriz

Por outra banda, a Xunta investirá 329.000 euros para dotar aos veciños de Tuiriz dunha nova senda peonil que se iniciará no verán.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a licitación das obras da nova senda de 530 metros a ambos os dous lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Tuiriz.

As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o 26 de abril para presentar as súas ofertas. Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén se anunciou o remate do colector en Tuiriz, actuación que contará cun investimento de 470.000 euros.

No verán iniciaranse tamén as obras para garantir o abastecemento a 240 veciños das parroquias de Santiago de Castillón, de San Vicente de Castillón e de Santo Estevo do Mato, cun investimento de 610.000 euros.

0.19417810440063