Sober acollerá o 24 de agosto a ruta ciclista Santa Cruz Bike 2024

RibeiraSacraXa
Como novidades máis salientables, é que se sobe o listón a 200 participantes
presentacion-ruta-ciclista-sober
Presentación da ruta
29 Xul 2024

O Concello de Sober colabora coa ruta ciclista Santa Cruz Bike 2024, que se vai celebrar na localidade o 24 de agosto.

Na presentación deste evento participaron o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; Nemesio Rodríguez por parte da comisión de festas de Santa Cruz de Brosmos; Aarón Vázquez, director da proba e responsable do club ciclista Ribeira Sacra;o director técnico da proba, Alejandro Araújo de Biciracing Monforte, e o responsable da seguridade, Adrián González. Todos eles dirixidos pola batuta de Anabel Pérez, quen fixo de presentadora do evento.

Todos os participantes destacaron que esta cita deportiva é moi importante para a comarca, chegando a ser referente neste tipo de probas que atraen xente xa non só de Galicia, senón das comunicades veciñas. Tamén destacaron que a celebración deste evento non sería posible sen o apoio dos numerosos voluntarios e dos patrocinadores.

Aínda que non se desvelou o trazado, xa que é tradición mantelo en segredo ata a semana anterior á proba, si que se fixo fincapé en que seguirá pasando por sendeiros que farán desfrutar aos participantes da proba.

Como novidades máis salientables, é que se sobe o listón a 200 participantes, e que a proba se celebrará o sábado, para que os participantes poidan quedar e participar das festas patronais do pobo, nas que haberá diferentes sorteos.

Ao remate, falouse da seguridade do evento e fíxose especial mención a que se está a traballar arreo por parte da organización para que os sendeiros estean en óptimas condicións para a proba. Finalizouse o evento invitando a todos os afeccionados ao ciclismo de montaña a participar na proba que se celebrará o próximo 24 de agosto.

0.088202953338623