Sober acolle en maio un programa universitario para maiores de 50 anos
Sober acollerá o vindeiro mes de maio o programa 'Camiños de coñecemento e experiencia' da USC. Está dirixido a persoas maiores de 50 anos, é totalmente gratuíto, e para participar non é preciso ter coñecemento previos.
No programa, que se desenvolverá entre o 4 e o 12 de maio, inclúense seminarios sobre diversas temáticas e sesións prácticas impartidas por docentes da USC. As sesións teóricas desenvolveranse no Centro sociocultural da localidade en horario de 16.30 a 18.00 horas.
O programa arrancará o martes 4 de maio co seminario 'Biodiversidade e conservación', impartido polos profesores Teresa Rodríguez López, de Veterinaria, e Emilio Carral Vilariño, da Escola Politécnica Superior, que ao día seguinte dirixirán unha saída formativa pola Ribeira Sacra.
O xoves 6 de maio, a doutora en arte medieval Carolina Casal Chico ofrecerá a charla 'Das mouras á mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro... Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Sober', que se completará con unha saída pola parroquia de Proendos a cargo da mesma docente o día 7.
O martes 11 Ana Moure, graduada en Criminoloxía, ofrecerá o seminario 'Introdución á criminoloxía e a política criminal', que se completará ao día seguinte cun obradoiro práctico de resolución de casos e análise de 'huellas dactilares'.
As persoas interesadas en participar neste programa poden inscribirse no Centro sociocultural de Sober ou chamando ao 982 46 05 13. Polas restricións da covid ofértanse unicamente 15 prazas.