Simón Rodríguez, coñecido como Galego de Caracas, estará no XIII campionato estatal de 'slam'

RibeiraSacraXa
O poeta foi o segundo máis votado polo público na final que se celebrou en Bóveda, pero Xosé Casar cedeulle a praza
Final-2024-Bóveda-Slam-Poetry
Final-2024-Bóveda-Slam-Poetry
10 Xul 2024

O colectivo KulturN’aldea, organizador do Bóveda Slam Poetry, informa de que o gañador da final foi Xosé Casar, seguido de Galego de Caracas e Yolanda Alcas, que recibiron as cuncas de ouro, prata e bronce respectivamente, entregadas pola concelleira de cultura do Concello de Bóveda, Cristina Xuíz.

Desta maneira, o público da final decidiu que Casar fora o que tiña que competir no XIII campionato estatal que se celebrará en Santander os días 17, 18 e 19 de outubro; pero o poeta comunicou que por mor de motivos persoais non poderá asistir ao campionato, polo que cedeu a súa praza a quen acadou a segunda posición, estando seguro de que Bóveda Slam Poetry estará “moi ben representado” en Santander por Galego de Caracas.

Desta maneira, Simón Rodríguez, nome real de Galego de Caracas, e autor do poemario ‘A outra patria’, obra que recibiu o premio de poesía O Facho 2023, será o representante de Bóveda na final.

Mentres, desde o colectivo organizador despedíronse dunha nova edición deste certame agradecendo ao público de cada encontro, peza fundamental do slam, o seu apoio e a súa colaboración neste evento cultural, pensando xa na organización da terceira tempada.

0.12343811988831