Roi Rigueira fai un balance das súas dúas primeiras semanas como alcalde de Taboada
Roi Rigueira, alcalde de Taboada, dá conta dos éxitos acadados durante as súas dúas primeiras semanas de mandato resaltando que se puxeron en marcha as piscinas municipais deste verán o primeiro día de xullo e que estarán abertas de luns a venres de 14 a 21 horas e de 12.30 a 21 horas os sábados, domingos e festivos.
Ademais, no marco da apertura das piscinas municipais, desde o vindeiro 10 de xullo e ata o 31 de agosto, impartiranse cursos de natación para maiores de 3 anos cun custo de 25 euros por persoa interesada nesta actividade.
Por outra banda, puxo en valor a festa do San Xoán en Taboada, que foi "unha boa festa", ao parecer do actual rexedor, xa que se colaborou co resto de lugares do concello que solicitaron axuda loxística para dito festexo.
Outras actuacións no verán
Con respecto a outras actuacións para este verán, resaltou que haberá campamento de verán para os nenos e nenas de entre 3 e 13 anos e do 3 de xullo ao 31 de agosto, permitindo así a conciliación das familias de Taboada durante todo o verán. Así, o horario será de 10.00 a 13.30 horas, aínda que quen o necesite poderá contar con servizo de conciliación de 09.00 a 10.00 horas e de 13.30 a 14.00 horas.
Por outra banda, o alcalde anunciou que teñen todo preparado para comezar o proceso de selección de persoal da brigada de incendios, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro xoves, 6 de xullo.
Ademais, "atendemos a moita xente e as súas demandas, realizando pequenas cousiñas de interese xeral en distintas partes do concello, como pode ser o arranxo dun camiño entre Vilela e Cicillón, un traballo en Deilás, o desbroce das depuradoras e dándolle solución a outras continxencias varias que foron surxindo e ás que demos resposta", explicou.
"Todo isto nun tempo no que, como supoñeredes, nos chegan moitas cousas e no que a carga de traballo é moi grande para facernos canto antes co dominio de todo o funcionamento do Concello de Taboada", sentenciou.