Ribas de Sil acolle unha xornada sobre o románico no Xeoparque Montañas do Courel
Ribas de Sil acolle, o vindeiro 9 de marzo, unha xornada sobre o románico no Xeoparque Montañas do Courel.
Trala publicación e posterior presentación o pasado ano da Guía do Románico da Ribeira Sacra-Courel, desde o GDR Ribeira Sacra - Courel seguen a promocionar a arte románica, "como recurso que atesoura o noso territorio", explican.
Así, a xornada centrarase no patrimonio románico presente no xeoparque Montañas do Courel, "ata o de agora o máis descoñecido".
Programa
Nesta xornada haberá tanto charlas como visitas, que se desenvolverán desde as 10.30 horas ata as 12.00 horas no caso das charlas, e desde as 12.45 horas e ata as 19.45 horas no caso das visitas.
Así, as charlas serán a presentación da xornada, outra sobre as pedras románicas no Xeoparque e outra baixo o nome de Románico nas terras de Quiroga e Ribas de Sil. Das primeiras pegadas do cristianismo ao tardorománico.
Pola súa parte, as visitas programadas serán ao Mirador Pena do Ladeiro, á Igrexa Santa María de Torbeo, á Abadía de San Clodio, á Igrexa de San Salvador do Hospital e á Igrexa da Hermida e ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR). Ademais, haberá unha degustación de produtos locais.